O nome da Subidá pode ter algo que ver coa forte pendente, ou ben Suvidá cunha lixeira deformación do nome "civitatem" que en latín quería dicir "cidade", iso si, co seseo do "c" inicial como indica en Toponimia de Marín o paúl Elixio Rivas Quintas.
Unha saída educativa coa que contamos cunha visita guiada por Sofía, arqueóloga encargada polo Concello de Marín para este tipo de actividades didácticas.
Amosando como hai unha marca de reconstrución nas paredes das casas castrexas
Na croa do Castro da Subidá
En primeiro plano un posible celeiro escavado nas últimas intervencións no Castro
O Castro da Subidá só ten escavado un 1% da súa extensión.
Imos realizar unha visita ao Castro da Subidá de Marín para saber máis daqueles poboadores de Marín, aínda que daquela non debía chamarse así, que puideron coñecer ao mesmísimo Xulio César, iso si, antes de que este fose unha das persoas máis importantes da Roma do século I a. C.
A historia de Galicia comeza a escribirse cos romanos e grazas ás súas ansias de control de territorios ricos en ouro, prata e tamén en estaño. De feito foron eles os que nos puxeron e impuxeron o nome de Gallaecia.
Logo a primeira pregunta é: Quen eran os Galaicos?
Os Romanos bótanlle o ollo á riqueza de Gallaecia
Os Romanos teñen os primeiros enfrontamentos armados cos galaicos a causa dos Lusitanos, os veciños do sur do Douro dos Galaicos, aos que estes axudan na súa loita contra Roma. Unha operación de castigo contra lusos e galaicos van emprender os romanos baixo as ordes de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.C. que parte do Texo cara o Norte vencendo nunha batalla no Douro a un exército de 60.000 galaicos dos que mata a unha gran cantidade, fai varios milleiros de prisioneiros de guerra e foxen uns poucos miles. Bruto debeu ser o primeiro romano en cruzar o río Limia ao que os seus soldados lle tiñán un medo terrible ao pensar que era o río do esquecemento (entrada ao mundo dos mortos). Por esta vitoria protagonizou logo unha entrada triunfal en Roma e a nominación co alcume honorífico de "Galaicus". Posiblemente daquela se funda un asentamento en Valentia do Miño.
Pouco máis tarde nos anos 96-94 a.C. Publio Craso estando de pretor na Hispania Ulterior realiza unha expedición pacífica na procura das famosas Illas Cassitérides ou Illas do Estaño na que comproba o que lles interesaba aos romanos, a riqueza mineral, ademais de comprobar o carácter pacífico dos habuitantes destas terras afeitos ao comercio cos pobos mediterráneos fenicios e gregos.
A expedición de Xulio César
César no ano 61 a.C. precisaba diñeiro para financiar a súa futura carreira política en Roma, polo que se embarcou cara á Península que eles denominaban Hispania, desembarcando nun dos portos do Sur, da Hispania Ulterior o porto de Gades (Cádiz). Alí prepara unha expedición militar de ocupación que será a segunda das grandes ofensivas que os Romanos realicen contra a Gallaecia atraídos pola riqueza mineral do territorio. Para realizar esta expedición César mobilizou unha armada. As fontes clásicas sinalan que penetrou na Gallaecia, que conseguiu un gran botín de guerra tomando varios castros costeiros, axudado pola frota de guerra enviada polo seu amigo Luvio Cornelio Balbo, nunca antes vista e que vai ir bordeando a costa ata chegar ao porto dos Ártabros, onde hoxe está a Torre de Hércules. César dirixe o exército de terra que avanzaba á par que os barcos, pero polo litoral. Foi unha expedición exitosa que durou un ano. César logra unha fama en Roma e unha riqueza considerable ingresando tamén parte para o tesouro público da capital. A lenda dunha "dives Gallaecia" (rica en ouro) confirmábase así entre os romanos. Para nós as xoias castrexas que se conservan nos museos son hoxe en día tamén unha clara testemuña da explotación aurífera que xa realizaban os castrexos antes da chegada dos romanos a estas terras.
Daquela expedición romana non se conservan documentos escritos concretos, pero si varias referencias que nos fan pensar que o paso pola actual Ría de Marín foi unha certeza e que os habitantes de Citanias como a da Subidá, habitadas daquela, ben puideron coñecer ao mesmo Xulio Cesar en persoa.
O Castro da Subidá: Debería ter un aspecto semellante a este:
O Castro da
Subidá, tamén coñecido como Castro da Porteliña, localízase nunha ladeira da montaña
de magnífica visibilidade sobre a Ría de Marín. Ten máis de 3 Ha de superficie e un dobre recinto amurallado. O poboado escavado sitúase nunha das ladeiras do coñecido como Monte da
Portela. As fortes pendentes da ladeira propiciaron que os moradores crearan
terrazas dentro do recinto amurallado. O período de ocupación deste castro esténdese
bastante no tempo. Suponse unha habitabilidade que iría dende o século IX a. C. ata o século II d. C. O castro ocupa unha extensión de case 30.000m2 e actualmente
só está escavado aproximadamente un 1% , deixando ao descuberto algunhas vivendas circulares construídas entre
os séculos I a.C e I d.C. Tamén ten unha pequena acrópole de planta ovalada con dous promontorios rochosos situados nos extremos norte e sur desta coroa, dous promontorios rochosos que ben poderían ser a base para dúas torres
defensivas.
A palabra Subidá
posiblemente veña da palabra latina “civitatem”, relativa a “cidade”, topónimo
empregado en moitos outros xacementos deste tipo, polo que poderíamos velo
escrito como “Suvidá” o “Sividá”. O seseo é unha constante na toponimia da zona Cidrás (do latín "Citrales" documentado en Toponimia de Marín do paúl Elixio Rivas Quintas) dise popularmente Sidrás.
Atópanse na zona
varios petróglifos da Idade do Bronce, nos anos oitenta nunhas pequenas catas arqueolóxicas atopáronse restos de interese que hoxe se custodian no Museo de Pontevedra. Outro dos factores de interese deste castro romanizado dende o I d. C. é o feito de atoparse nel dous cuncheiros (restos de cunchas e mariscos) un na ladeira oeste e outro na leste. É fácil tamén de observar outros debuxos moito máis recentes nas pedras que
son atribuídas ao artista local Pepe Meixón, que deixou constancia da súa obra
na pedra por toda a comarca de Marín no século XX.
Imos realizar unha pequena memoria do que fixemos na nosa viaxe a Lugo á edición XIX do Festival de Teatro Grecolatino.
As Troianas de Eurípides (Noite Bohemia)
Anfitrión de Plauto (Noite Bohemia)
O PASO DA CIVILIZACIÓN CASTREXA Á ROMANIZACIÓN.
As tres campañas de Roma contra a Gallaecia castrexa.
LUGO AUGUSTI era unha das capitais da GALLAECIA romana. Pero o seu nome que significa "bosque" pode evocar unha divindade castrexa, é dicir, anterior á Romanización, Lug ou Lugh, deus da luz, unha mestura de Xúpiter (o Zeus do raio) o deus superior e de Apolo. Logo pode deducirse que ante sdo Lugo Romano existiu un lugar sagrado, un bosque ou un lugar sagrado, unha poboación singular para os castrexos onde hoxe está a cidade.
A nosa visita ao Museo Provincial permitiunos facer un achegamento ao mundo castrexo, á primeira civilización ou cultura. Eran os que logo os romanos denominaron Galaicos:
Efectivamente a nosa visita a Lugo serviu tamén para entrar en contacto cunha das cuestións fundamentais a tratar neste curso como é a Romanización de Gallaecia, que como sabedes é o nome do territorio noroccidental da península que foi conquistado por Roma sometendo unha cultura autóctona, a Cultura Castrexa. O nome de Gallaecia como sabedes puxéronolo os propios romanos. Dalgún xeito entramos na historia grazas aos romanos, porque o período anterior a esta conquista podemos situalo na nosa prehisyoria. Imos logo dar tamén entrada no curso a estes coñecementos básicos sobre estes períodos na nosa terra intimamente ligados tamén á Cultura Clásica.
A NOSA VISITA A LUGO
DA CULTURA CASTREXA Á ROMANIZACIÓN:
Son dous conceptos que debemos procurar definir: A Cultura dos Castros ou Castrexa. lévanos ás orixes culturais da nosa terra, á primeira civilización que coñecemos que conformou nun territorio unha serie de características comúns. Perto de Lugo áchase o Castro de Viladonga, un castro cuxo esplendor ou maior momento de ocupación está situado xa na época galaco-romana, pero foi ocupado con anterioridade, na época castrexa da que nos quedan algúns vestixios. Que debemos saber? Tes que descubrir cales son os máis relevantes deses elementos castrexos que consevamos e cales son os que trouxeron os romanos.
1- Orixe e procedencia da cultura castrexa.
2- Procurar unha definición.
3-Territorio que ocupaba esta cultura na Península Ibérica.
4-Etapas polas que pasa a través do tempo, canto durou?
5- Principais transformacións froito da Romanización.
6- A sociedade dos castros (como vivían?).
7-A relixión castrexa, que sabemos dela e como o sabemos?
8- Mitos populares acerca dos castros.
9 - A imporatncia da arqueoloxía (restos pétreos, cerámicos e metálicos... por exemplo do Castro de Viladonga.
Mapa da división romana da Gallaecia. Lucus Augusti unha das súas capitais.
Comezamos pola Epigrafía. que é a epigrafía? No claustro do antigo Mosteiro que hoxe é un gran museo está unha das coleccións máis impresionantes de restos pétreos da romanización en Galicia. Trátase de Aras, estelas, miliarios e inscripcions honoríficas ou conmemorativas da época galaico-romana que nos descubren distintos aspectos da capital LUCUS AUGUSTI.
Do mundo castrexo á romanización a través dos seus restos arqueolóxicos: Torques, arracadas, brazaletes e pulseiras de ouro, cerámica castrexa, machadas de bronce, puñal ritual, grella, deuses castrexos, muiños... Tessera hospitalis, aneis, cerámica romana, mosaicos, crátera, cista funeraria, lucernas, teares, moedas, aras, estelas miliarios...
Como non podía ser doutra forma visitamos a súa muralla do século III d.C. que nos interroga sobre por que se fixo esta grandiosa muralla cando o asentamento romano sabemos que era anterior.
Imos ver e comentar para empezar dúas escenas de dúas versións actualizadas da traxedia que imos ler:
Foron e son mulleres esquecidas que grazas á pericia de autores como Eurípides saen do silencio e protagonizan hoxe a traxedia en primeiro plano. Un gran contraste con películas como Troia (2004) nas que nin aparecen Hécuba, nin Casandra, o papel de Helena e de Andrómaca son máis ben secundarios. Nesta traxedia veremos como pasan a un claro primeiro plano.
EURÍPIDES E O PROTAGONISMO DA MULLER
Se é arriscado falar de que Eurípides é un autor feminista, porque o concepto na época na que viviu, na Atenas do século V a. C., evidentemente o feminismo non existía, si que podemos afirmar que Eurípides tivo unha sensibilidade singular á hora de introducir e de dar protagonismo a muller que mesmo chamou á atención aos seus compatriotas contemporáneos, homes terriblemente machistas.
Este autor cremos que, a pesar de ser eco da súa época e do trato discriminatorio e misóxino de cara ás mulleres, concedeulle ás súas personaxes femininas unha gran dignidade o que permite no presente unha lectura progresista das súas obras. De feito o Coro desta traxedia representa ao conxunto de mulleres troianas prisioneiras dos gregos.
Cando analicemos en detalle a Atenas da etapa Clásica veremos tamén pormenorizadamente cal era o rol da muller na sociedade grega, ademais de analizar como a cuestión da guerra, o tema central da obra de Eurípides, cobraba unha substancial importancia daquela para todos os gregos fosen homes ou mulleres.
ESTRUTURA DA OBRA:
As partes nas que se dividen as traxedias gregas adoitan ser semellantes. Esta é a estrutura das Troianas: Prólogo: Parte que antecede á entrada do Coro Monólogo: Un recitado dun só actor. Párodos: Cantos durante a entrada do Coro (personaxe colectivo que fai intervencións líricas) Episodio1º: Diálogo de personaxes (Só hai tres actores, aínda que normalmente interveñen dous e poden dialogar co Coro). Estas partes como indica a etimoloxí ada palabra desenvolven un incidente ou suceso. Estásimo do Coro: significa "parado" dalgún xeito a acción detense para introducir unha intervención lírica do Coro que adoita expresar ideas nas que ecoan as reflexión polñiticas, filosóficas ou relixiosas do autor. Episodio 2º: Un novo diálogo de personaxes. Estásimo do Coro: Cada episodio ten o seu correspondente estásimo Episodio 3º: Un terceiro diálogo (podía haber ata cinco). Estásimo do Coro: Nos estásimos ao contrario do párodos o Coro non danza. Éxodo: Saída do Coro ao final da traxedia, onde se producen as mortes, recoñecemento do erro e unha ensinanza moral.
Agora procura saber que é o que pasa en cada parte, que personaxes interveñen e de que tratan lendo a obra. Le a introdución e realiza tamén a proposta didáctica que trae o libro de lectura.
TEMA 5:
Comezamos unha segunda parte do desenvolvemento da mitoloxía coa aparición dos mortais. Imos comezar lembrando algo que xa deberíamos saber, falaremos de: Galicia, país dos mortos. e tras comentar como se identificaba a nosa terra dende a prehistoria e como o mundo clásico se fixo eco desta visión volveremos ao mito co que abríamos o curso, o de Pandora, a primeira muller, pero antes debemos saber como contaban os gregos aos seus fillos e fillas a aparición do ser humano na terra.
Investiga sobre a historia destes dous personaxes cuxas estatuas apareceron nas excavacións modernas realizadas no embigo do mundo, é dicir, no santuario de Delfos.