Un discurso persuasivo non se pode improvisar. Tampouco podemos realizar un discurso perfecto sen analizar e coñecer algo sobre a oratoria Para evitar que sexan caóticos ou incompletos os nosos discursos iremos aprendendo a estruturar e preparalos pouco a pouco. Hoxe imos fixarnos en algo do que non podemos prescindir como primeiro paso no proceso de creación dun bon discursos: As compoñentespara elaborar un discurso convincente:
INVENTIO: Consiste en elixir as ideas que se empregarán para elaborar o discurso. Que debo dicir para convencer?
DISPOSITIO: Consiste en ordenar as ideas de xeito que os argumentos que usemos resulten máis claros e impactantes. Pode haber diferentes estruturas. Como organizo o que vou dicir para ser máis persuasivo?
ELOCUTIO: Consiste en expresarse con corrección e claridade, procurando que a beleza (usando recursos retóricos). Que estilo debo usar para resultar convincente?
MEMORIA: Son as técnicas que facilitan a memorización do discurso, xa que debo expoñelo sen telo que ler. Como memorizar o meu discurso?
ACTIO: É a arte de pronunciar e modular a voz e incorporar os xestos e desprazamentos ao realizar o discurso. Como debo pronunciar e moverme para ser más persuasivo?
Iremos traballando todas estas cuestións a modiño como dixemos. Todo isto hai que preparalo antes de pronunciar ese discurso persuasivo que é algo máis que argumentar. Abordemos esa parte inicial denominada a DISPOSITIO: Como organizo o que vou dicir? para o que resulta fundamental saber que os discursos adoitan responder a unhas partes ben diferenciadas:
AS PARTES DO DISCURSO PERSUASIVO
EXORDIUM: Unha introdución onde é imprescindible gañarse a simpatía da audiencia.
NARRATIO: Unha exposición dos feitos, ben seleccionados e dispostos con orde e claridade.
ARGUMENTATIO: Expoñer as razóns que favorecen o que defende o orador (autor do discurso) e que serven para refutar as ideas contrarias.
PERORATIO: Conclusión do discurso. Recapitulamos reunindo brevemente os argumentos e dirixímonos de forma emotiva e retórica para persuadir a audiencia.
No seguinte vídeo nos explican estas partes:
ACTIVIDADES
1- Fixémonos hoxe no comezo dos discursos persuasivos na CAPTATIO BENEVOLENTIA é dicir, unha figura retórica e literaria para gañarse a simpatía do auditorio.
Para os comezos dos discursos (EXORDIUM) é importante saber usar a "captatio benevolentia". Esta expresión latina significa: Capturar (captatio), favorablemente e para ben (bene) a atención, o interese e a vontade (volentia) do público.
Inventa varias formas de atraer favorablemente cara o que dis a atención, o interese ou a vontade dos que te escoitan:
2- Xa que o discurso persuasivo usa distintas funcións da linguaxe ademais da referencial, repasemos logo as Funcións da linguaxe a partir do minuto 5,45 do seguinte vídeo:
Intenta, despois de ver o vídeo, identificar cada unha das funcións da linguaxe coas intencións comunicativas seguintes :
A) Expresiva ou emotiva
B) Apelativa ou conativa
C) Referencial ou representativa
D) Poética ou estética
E) Fática ou de contacto
F) Metalingüística
Intencións comunicativas:
I- Informar obxectivamente sobre algo. Falamos dun referente ou varios do contexto.
II- Confirmar que está chegando a información. Procura saber se a canle funciona.
III- Procurar obter unha resposta da persoa á que te dirixes, o receptor
IV- Resaltar a forma da mensaxe con recursos propios da literatura ou a publicidade.
V- Expresar un sentimento, emoción ou opinión. Centrada no que sinte o emisor.
VI- Cando falamos da propia linguaxe, estamos falando do código.
3- Exemplos: Cal é a función da linguaxe que se usa en cada un dos exemplos seguintes?
a) Está rematando o mes de outubro.
b) Creo que Marín é o mellor porto de mar de Galicia.
c) Enténdesme?
d) Libre como os paxaros ou como o árabe no deserto
e) Por que me gusta tanto iso que dis?
f) Marilar Aleixandre premio Nacional de Narrativa 2022 coa novela: As malas mulleres.
g) Miguel, ven para aquí.
h) Bos días!
i) Aspasia foi o faro que iluminou o camiño a seguir polas mulleres na Atenas democrática.
l) Quen de vós pensa intervir hoxe no debate?
m) A palabra "ponte" é un substantivo e ten dúas sílabas.
Ao desenvolver o Proxecto Aspasia fomos vendo algunhas das claves da argumentación, para saber como era un texto argumentativo, imos ver agora as semellanzas e diferenzas que ten co texto persuasivo.
O texto argumentativo e o texto persuasivo.
A argumentación e a persuasión adoitan confundirse porque son conceptos próximos e relacionados.
A estrutura que ambos seguen normalmente tamén é coincidinte:
a) Enunciase un argumento,
b) Explícase ou desenvólvese con razoamentos.
c) Finalmente asentámolo con evidencias nunha conclusión.
Imos coas similitudes
Os textos argumentativos e os persuasivos son semellantes na súa forma ou estrutura ambos defenden unha tese (unha idea central ou opinión) mediante argumentos.
As diferenzas
A súa intención é diferente. Se o que queremos é xustificar a nosa tese con razóns convincentes, explicando por que opinamos algo, estamos creando un texto argumentativo no que usaremos sobre todo a idea de informar obxectivamente (función representativa da linguaxe).
Mais se o que pretendemos é convencer aos demais para que estean de acordo coa nosa opinión ou influamos no seu comportamento, estamos creando un texto persuasivo onde botamos man de recursos que chamen á atención do que recibe a mensaxe tentando sorprender, sumando emocións e mesmo recursos literarios (funcións apelativa, expresiva e poética).
Poñamos un exemplo: IR AO CINEMA
Será ben distinto argumentar que che gusta ir ao cine que se tes que convencer aos teus amigos que te acompañen a ver unha película hoxe.
Cuestións
1- Proba a realizar un texto argumentativo con tres argumentos para ir ao cinema e logo realiza outro texto persuasivo no suposto de que quixeras ir ao cine hoxe e precisases ir acompañado dos teus amigos.
2-Unha actividade para crear un mini debate en dúas partes:
Fai un texto argumentativo para defender cada unha das dúas teses:
SAL VERSUS PEMENTA?
3- Logo transforma o texto argumentativo nun texto persuasivo e fíxate ben nos cambios que introduces para logralo.
•2.Distinguir
entre feitos, afirmacións e opinións
•3.
Ser capaz de encontrar evidencias que apoien e demostren feitos e afirmacións
•4.
Coñecer os principios da Teoría da Argumentación e como se constrúe unha
argumentación.
•5.
Diferenciar entre demostración, argumentación e descrición, sabendo utilizar en
cada caso a ferramenta oportuna.
•6.
Identificar ideas e argumentos falaces nun discurso, así como aprender a
desmontalos.
•7. Adquirir habilidades para a investigación
tales como a análise dunha cuestión desde diferentes perspectivas ou o saber
preguntarse.
Calendario do debate e regras do proxecto
•Luns- Martes:As fichas de traballo: Investigación e información. Rematamos as
fichas
Debemos ir
elaborando fichas cos temas básicos do debate cantos máis datos teñamos de
cada tema mellor. Todo o mundo debe ter na libreta as cinco fichas completas
nesta semana:
- A dialéctica e a Filosofía.
- A democracia na Atenas do século V a. C.
- As mulleresen Atenas e na antiga Grecia.
- Que sabemos de Aspasia: Hetera ou mestra de
retórica e filosofía?
- Que sabemos de Pericles? Xefe político,
orador e amante.
•Xoves: Preparamos as argumentacións.
Como a tese xa está enunciada, temos que
procurar elaborar argumentos a favor
desa tese como mínimo cada un dos 5 apartados nos que indagamos.
Acto seguido
debemos enunciar unha antítese e elaborar os argumentos coas que
defendela como mínimo nos 5 apartados nos que estivemos informándonos.
Decantámonos por unha
antítese principal aínda que existan varias antíteses válidas que incluamos
no debate posterior.
COMO ARGUMENTAR?
Argumentación:Defensa razoada dunha idea coa intención de
convencer. Predomina a intención persuasiva sobre a informativa.
Estrutura da argumentación:
- Introdución: Presenta o
temae formúlase a tese.
- Corpo: Parte central máis
extensa na que se expoñen argumentos que apoian a tese.
- Conclusión:Resumo dos argumentos para confirmar a
posición defendida.(Evidencia)
Os argumentos: Deben ser claros e verosímiles e estar relacionados co tema.
TIPOS DE ARGUMENTOS:
-De autoridade: baseados na opinión dunha persoa de recoñecido prestixio.
-De analoxía: fundamentado na comparación de dúas situacións semellantes.
-De datos: achegar información científica, histórica ou estatística.
-De exemplificación: usando exemplos concretos que apoian a tese.
-Experiencias persoais: utilizando situacións vividas por un mesmo.
- Análise e eliminación doutras opcións referencia a pros e contras doutras opinións ou ideas.
•Martes:Realizamos o debate.
RECOMENDACIÓNS
PARA OS GRUPOS DE DEBATE
Preparando a estratexia
de debate:
•1. Identificar os elementos dunha estratexia de debate, así como
coñecer a súa natureza e función: a base argumental; as liñas argumentaise
a idea forza.
•2. Ser capaz de deseñar en grupo estratexias de debate que despois
serán postas en práctica a partir desa idea forza argumento central.
•3. Utilizar as evidencias como ferramenta para demostrar e reforzar
argumentos propios, así como para refutar ideas contrarias.
•4. Aprender e adquirir a
capacidade de refutar ideas contrarias
•5. Adquirir a capacidade de elaborar quendas completas para a
exposición nun debate (introdución, refutación e conclusión)
Normas do
debate:
Dividiremos aleatoriamente a aula en grupos para
entrar a debater.
•Poderá tocarnos defender a tése ou pola contra a antítese.
•Usaremos a estrutura dos 5 apartados de investigación como base
inicial do debate e iremos facendo as intervencións gardando as quendas,
tempos e criterios establecidos previamente)
•No caso de aparecer novas argumentacións incorporarémolas no debate
despois de abordar as 5 predeterminadas.
•Grupos de debate: Intervirán todos os que
teñan preparado o debate (que teñan os seus argumentos) e farán dúas
intervencións de aproximadamente 5 minutos: ainicial e a réplica
(tras escoitar a inicial do equipo contrario).
LEMBRADE:
-Estratexia de debate a partir dos cinco argumentos base.
-Manter unha idea forza entre
os argumentos.
-Escóllese a orde de
intervención.
-Preparar unha réplica para cada punto do grupo contrario procurando en desenmascarar a
“falacia” ou “incoherencia” que agochan os seus argumentos e contrargumentar
con contundencia tentando pechar o debate.
•Xoves:Redactamos as nosas sínteses.
Temos que redactarpor escrito (lembrade en galego) a
nosa propia síntese tras do debate que logo debemos entregar.
Na síntese
deberemos facer uso dos nosos argumentos, pero podemos incorporar calquera
outra argumentación a favor e encontra que fixeran os nosos compañeiros coa
idea de reforzar a nosa propia conclusión.
XA ESTAMOS PREPARADOS/AS?
Cada quen ten que ter todos estes pasos
cubertos na súa libreta e con corrección para opter a cualificación
positiva neste proxecto.
En caso contrario deberá repetilo (total ou parcialmente).
A
tese preestablecida
Como ben sabedes a tese deste Proxecto establecémola
( fíxoo o profesor) antes de comezar a informarnos. Non sempre ten por que estar
preestablecida, pode ser froito dunha investigación previa aodebate.
A idea é enriquecermos o pensamento crítico nesta caso sobre o rol masculino e feminino ao longo da historia.
•A tese é: Houbo un movemento a prol da emancipación feminina na
Atenas democrática do século V a. C.? Cremos que si.
•Trátase dun apartado práctico de investigación que promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na Unidade 0 introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto ao longo do curso que terá aproximadamente 12 temas.
•Versará sobre: OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA
•Imos traballar sobre un exemplo práctico de dous contrarios en loita.
PARTES DO TRABALLO
Son cinco apartados sobre os que temos que ir acumulando información para poder ter unha base de onde saian os argumentos que para o debate final imos necesitar.
•1. O invento da democracia e a súa relación coa dialéctica e a filosofía. Filósofos gregos.
•2. As contradicións da Democracia en Atenas.
•3. Que sabemos de Aspasia en Atenas? Hetaira ou filósofa?
•4. Que sabemos de Pericles? Político e amante.
•5. As mulleres na Atenas Democrática (testemuñas), por exemplo, no teatro: Antígona, Lisístrata, Praxágora da Asemblea de mulleres, Medea, …
• Despois de investigar e de reunir información chegará o momento de pasar ao debate: Conclusión:UN DEBATE:Houbo unha rebeldía feminina na Atenas democrática?
•Para realizar o debate final deste proxecto seguiremos o esquema da dialéctica (tése, antítese e síntese). Estaremos moi atentos aos contrarios, ás contradicións existentes e para iso temos que investigar sobre a Atenas da Democracia e sobre algunas das personalidades máis coñecidas, tamén as descoñecidas daquela cidade no século V a.C:
Vaiamos logo ao século V a. C. a coñecer a Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta fundamental a Oratoria na Atenas do século V a. C.
- ATENAS E AS MULLERES
Atenas presenta a día de hoxe unha imaxe impresionante por exemplo se miramos a acrópole con esa mármore branca do Partenón, o templo de Atenea e podemos pensar que ese era o aspecto que tiña na época da invención da democracia, pero a realidade era moi diferente: O templo estaba pintado, era outra cousa.
Taména concepción da igualdade que existía entre os homes, era ben distintaá que se aplicaba para as mulleres. Vivían practicamenteencerradas nas súas casas e o rol que lles correspondía apartábaas da vida pública. Respondía ao papel denais reprodutoras e de xestión da casa:tecido, comida, etc… De feito cando nacía unha muller na porta da casa colocábase un nobelo de lá, namentres que se era un home o que nacera o símbolo escollido era unha rama de oliveira.
ERA IGUAL O ROL FEMININO EN TODA A ANTIGA GRECIA?
•As mulleres en Esparta e outras cidades gregas de Asia Menor tiñan pola contra un estatus máis igualitario que en Atenas. Aínda que todas eran sociedades nos que seguían primando na muller a súa capacidade de ter fillos.
• Procurade saber algo da situación da muller en Esparta, en Lesbos ou en Mileto.
•ESTABLECEMOS POIS UNHA TESE INICIAL:Tivo que haber un movemento de rebeldía feminina na Atenas democrática.
•Asumimos este reto e argumentamos (algo esencial como son os razoamentos na dialéctica) a partir dun texto de Irene Vallejo, a escritora que no seu libro O infinito nun xunco (sobre a invención dos libros no mundo antigo) di:
“Quero imaxinar que houbo en Atenas unha corrente de rebeldía feminina da cal non nos fala ningún autor grego e que non figura nos libros de historia. Para rastrexar as pegadas deste quimérico movemento esquecido atrevinme a mergullarme nos textos e ler entre liñas. Aínda que nunca saberemos con seguridade se existiu, a suposición sempre me atraeu. Isto que vou exponer é só unha hipótese, pero fascíname.
As primeiras que se sublevarían serían as heteras, é dicir, prostitutas de luxo, as únicas mulleres verdadeiramente libres da Atenas clásica. Comparables nalgúns aspectos ás gueixas xaponesas, ocupaban un lugar ambiguo dentro da escala social, marcadas polas vantaxes e os inconvenientes da súa mala reputación vivían á intemperie, pero mantíñanse independentes. A maioría delas eran gregas nadas en Asia Menor e, polo tanto, sen dereitos de cidadanía. Na súa terra natal recibirán unha educación musical e literaria que Atenas lles negaba ás súas fillas. Obrigadas a pagaren impostos coma os homes, podían coma eles administrar os seus propios bens. Tiñan acceso aos circuítos da política e da cultura a través dos seus amantes. Non estaban sometidas á presión que soportaban as esposas atenienses, aínda que en troco estaban dobremente excluídas (por estranxeiras e mais por putas).”
cap. 65 páx. 173
CONSULTAR PARA COMEZAR A TRABALLAR NO PROXECTO:
Ver o vídeo e ir apuntando datos que nos interesen para preparar o debate. Ir agrupando os datos en cada un dos títulos do esquema:
1- Dialéctica, filósofos e Democracia
2- As contradiccións da Democracia en Atenas
3- Aspasia, filósofa ou hetera?
4- Pericles, político e amante.
5- As mulleres na Atenas democrática
Comecemos con este vídeo básico:
Logo debes ampliar con tres documentos, escoitándoos ou lendos con Un podcast e dous artigos cuxos enlaces están máis abaixo.
Seguramente habera neste proceso de investigación dúbidas e novas fontes para atopar datos que poden ser interesantes para o debate. Iremos tomando nota tamén tanto das dúbidas e das outras fontes de información para consultar co profesor e contrastar estas posibles novas vías de pescuda e recolleita de referencias válidas.
Finalmente podedes consultar (quen queira facelo) o seguinte vídeo máis extenso no que Irene Vallejo nos fala de Aspasia:
MODELO PARA VER COMO REALIZAR O TRABALLO
Imos facer unha pequena proba
ou modelo de como traballaremos.
Partimos dunha tese: PERICLESUn
escandaloso líder de Atenas (sobre textos de Irene Vallejo)
“Pericles estaba casado cunha muller “apropiada á
súa linaxe”, nai dos seus dous fillos. Pero a convivencia era
difícil e el rompeu o seu matrimonio para se unir con Aspasia, unha hetera nada
en Asia Menor. Case cinco séculos máis tarde, o historiador Plutarco transcribe
unha chea de insultos contra a subversiva primeira dama ateniense tomados de
textos da época, nos cales é tachada de impúdica, concubina con cara de cadela
e muller de bordel, entre outras lindezas.
Durante a maior parte da nosa historia, o matrimonio foi ante todo unha institución
económica, unha fusión de intereses compartidos. Para os políticos gregos,
mesmo na democracia, as vodas selaban alianzas entre grandes familias que
mantiñan ben amarradas as rendas do Goberno. E os casamentos desfacíanse por
motivos mercantís ou estratéxicos, cando había outro clan máis puxante con que
emparentar. Pericles, en cambio,
escolleu a Aspasia –unha estranxeira con mala reputación e sen pedigree- por un
motivo absoluntamente ridículo: o amor. Plutarco di que os cidadáns
contemplaban pampos como “ao volver da ágora, cada día a abrazaba e a bicaba
docemente”
Cuestión: Que queren dicir as expresións en negriña?REPARAR NA IRONÍA do texto.
Logo procuramos unha antítese: ASPASIA, mestra de filosofía e oratoria.
O que non dicían os díxomes era que a intelixencia de
Aspasia axudou a Pericles na súa carreira política. Sabemos pouco dela porque a
súa figura chegou envolta en incógnitas e maledicencia, pero ostextos dan a
entender que era unha auténtica oradora na sombra. Sócrates visitábaa cos seus
discípulos e gozaba da súa brillante conversa; mesmo chegou a chamarlle
“mestra”.
Segundo Platón, escribiu discursos
para o seu home; entre eles, o famoso discurso fúnebre en que defendía
apaixonadamente a democracia. Mesmo na actualidade, os escritores dos discursos presidenciais de Obama, e antes os de Kennedy, téñense inspirado nas palabras
que probablemente enfiara Aspasia. Porén ela non aparece na historia da
literatura. Os seus escritos perdéronse ou foron atribuídos a outros.
(texto de Irene Vallejo)
Cuestión: Observa como a visión dos acontecementos cobra unha nova dimensión tras a lectura do texto anterior. Redacta e argumenta esa antítese.
Saquemos finalmente unha síntese do que
razoamos: Sobre as relacións de PERICLES E ASPASIA:
“…unha escandalosa inmoralidade. Podemos imaxinar os cidadáns
atenienses rosmando e ríndose das perversións do seu líder. Se estar namorado
da muller xa era estúpido abondo, demostralo en público lindaba coa obscenidade.
Moitos pensaban que corrían malos tempos e lembraban con nostalxia un pasado
máis san. Aquel século V a. C. en Atenas, dourado para nós, parecíalles unha
época escura de contubernio, mestizaxe e desenfreo.”
(texto de Irene Vallejo)
Cuestión: Este texto provoca unha conclusión ou síntese. Proba a redactar ti a túa propia síntese apoiándote nestes textos e o que xa sabemos de Aspasia e de Pericles.
COMO PODEMOS SABER DA INFLUENCIA DE
ASPASIA?
A DEMOCRACIA, AS MULLERES E O TEATRO NA ATENAS DO SÉCULO V a. C:
Non hai dúbida dos contactos de
Aspasia con determinados círculos de poder de Atenas (Pericles era o arconte ou
xefe de goberno), polo menos cunha parte ou quizás algo semellante a un
colectivo de homes democrático máis progresista, porque había, sen lugar a
dúbidas tamén, un sector reaccionario, contrario e inimigosdestas “aperturas”.Desta situación que se produce nun período
de máis de 15 anos, ata a morte de Pericles 429 a.C. dinos Irene Vallejo:
“ É un misterio
como utilizou (Aspasia) esa
posición de inesperado protagonismo. Pero nese período sucede algo sen
precedentes: os textos dos tráxicos, dos cómicos e dos filósofos comezan a
discutir - ou ridiculizar- a extravagante idea da emancipación feminina,
unha cuestión que antes desa época non mencionara grego ningún. Nestas décadas fulgurantes falou
desde os escenarios Antígona, a moza que ousa desafiar ela soa a lei
inxusta dun tirano en nome dos principios humanitarios, e Lisístrata,
que en plena guerra ten a fantástica ocorrencia de se aliar coas mulleres do
bando inimigo para organizar unha folga sexual conxunta ata que se asine a paz,
e Praxágora, que, á fronte dun grupo de veciñas atenienses, suplanta
os homes na asamblea e cos votos femininos instaura un réxime comunista e
igualitario, e a rebelde estranxeira Medea.
Ninguén chega máis lonxe ca a Medea de
Eurípides. Imaxino o público de homes que enchería o teatro na mañá da
primeira representación, no ano 431 a. C. Cos ollos fixos no escenario,
engaiolados polo magnetismo do medo, contemplaron como unha muller agraviada
e vingativa desencadeaba o horror máis absoluto. Viron o innomeable: unha
nai asasinando os seus fillos coas propias mans para ferir o marido
que a abandonaba e a condenaba ao exilio. Escoitaron palabras absolutamente
novas. Medea falou en voz alta, por primeira vez, da furia e da anguria que
aniñaba nos fogares atenienses:
“ Nosoutras as mulleressomos o ser máis desgraciado. Empezamos
por ter que mercar un esposo con dispendio de riquezas e tomar un amo do
noso corpo, e este é o peor dos males. Separarse do marido é escandaloso para
as mulleres, non para os varóns. Cando eles se aburren na casa, saen a
distraerse. Non obstante, se facemos o mesmo, non nos deixan saír dicindo
que hai que coidar os fillos. Aseguran que, permanecendo na casa, as
mulleres evitamos perigos, mentres que o home, pobriño, ha de ir baterse á
guerra.”
Medea, en conflito co seu encerro e coa súa maternidade,
acaba dicindo que preferiría librar tres guerras antes ca parir unha vez soa.
•As mulleres do coro de Medea van abandonando a súa
actitude modesta e atemorizada. Unha delas atrévese a dicir que as mulleres
non deben quedar excluídas da filosofía, da política, dos razoamentos sutís
e dos debates: “nós tamén posuímos unha musa que nos acompaña en busca de
sabedoría”.
Cuestións: Fagámonos
preguntas
•SeríanAntígona,
Lisístrata, Praxágora e Medea realmente froito dalgún xeito de mulleres reais
da Atenas daquel tempo como Aspasia?
•Procura saber quen foron buscando información sobre:
-Lastenia de Mantinea e Axiotea de Fliúnte.
-Leoncia
-Hiparquia de Maronea
Para visualizar un exemplo nunha versión moderna das comedias de Aristófanes, Asemblea das mulleres: Repara no papel de Praxágora.
No curso 2022/23 este blog será o blog da ORATORIA...Foi esta unha disciplina na que os gregos e romanos eran verdadeiros expertos, unha arte que co paso do tempo non todos os sistemas educativos foron quen de seguir cultivando como instrumento fundamental construtor do espírito crítico.
Pero que é iso da Oratoria?
Cando dis de alguén: Que ben fala! seguramente queres dicir que cando se expresa esa persoa faino con claridade, beleza e convicción, ademais de con elocuencia porque co seu discurso é capaz de emocionarte e mesmo de convercer. Logo esa persoa dominará a retórica e a oratoria.
UNHA PRIMEIRA DEFINICIÓN DE ORATORIA
ORATORIA: É a arte de falar e escribir con elocuencia, o que vén sendo, comunicarse de xeito agradable, conmovendo e persuadindo.
RETÓRICA: Son as regras, técnicas e recursos que nos permiten dominar a Oratoria, chegar a ser elocuentes.
UNIDADE CERO: DA DIALÉCTICA FILOSÓFICA Á ORATORIA
A Oratoria como xénero literario e como arte
da elocuencia e da persuasión é unha materia que nace en Grecia e que logo Roma
desenvolve para estenderse con posterioridade por Europa e confluír con outras
tradicións culturais antes de asentarse como un recurso vital para as
sociedades modernas de todo o mundo.
Estamos
falando da comunicación. A reflexión e coñecementos acerca da comunicación
como recurso esencial da Humanidade coas especificidades e complexidades
que os seres humanos presentamos, faise pois un labor transcendental para unha
educación integral.
Para
comezar imos viaxar á Grecia Clásica onde naceu a Oratoria e deternos, en
particular, na Atenas do século V a.C. porque alí podemos dicir que dá os seus
primeiros pasos tanto como xénero literario, ou
simplemente como a arte de persuadir a través da palabra.
Antes de proseguir deberemos reparar
precisamente noutro concepto intimamente relacionado coa Oratoria, pero que llo
debemos aos filósofoso
concepto da Dialécticaou
a arte de dialogar. Para que haxa comunicación debemos establecer un
diálogo co outro, de aí que a dialéctica sexa en boa medida o punto de partida
á hora de nos comunicar.
Etimoloxía da palabra Dialéctica
Dialéctica vén
da unión dunha preposición grega διά (diá): "a través de"
e do verbo λέγω (lego): "discutir, conversar, razoar, pensar".
Significará algo así "método para pensar a través do razoamento"discutir en movemento, é
dicir, discusión ou tensión sobre
dous opostos. Así establecer un diá-logo é pois comezar unha
conversación entre dúas ou máis persoas.
No dicionario adoita dar dúas acepcións:
1. Teoría e técnica retórica de dialogar e
discutir para descubrir a verdade mediante a exposición e confrontación de
razoamentos e argumentacións contrarios entre si.
2. Conxunto de razoamentos e
argumentacións dun discurso ou unha discusión e modo de ordenalos.
A dialéctica éa arte de debater e razoar ideas diferentes.
Nun discurso, a dialéctica consiste en presentar unha idea
principal ou concepto, denominado tese,
ao cal se lle contrapoñen diferentes argumentos e ideas, coñecidas como antítese dano como resultado a síntese.
CUESTIÓNS:
1- Cal é a definición de dialéctica que nos dá
Maite Larrauri.
2- Ten que ver coa palabra diálogo, xustifica
esa relación.
3- Cal é son os pasos a seguir neste método ou
técnica?
4- Platón non quería que se ensinase ao
rapaces coma vós, por que?
5- Por que cres que a arma da dialéctica é
diferente a dialéctica das armas?
6- Tería razón Platón na súa teima de que os
mozos non soubesen da dialéctica ata chegar aos 35 anos? Argumentamos seguindo
o pasos da dialéctica establecendo dous grupos na aula.
7- Como explicas a loita de clases ou o gran
paso da dialéctica do discurso á dialéctica da realidade? Quen o levou a cabo?
O nacemento da dialéctica:
Como xa dixemos foron os filósofos gregos os
que definiron a dialéctica.Aínda
que os grandes filósofos, como Platón e Aristóteles, a usaron, precisamente
este último foi o primeiro en indicar a Zenón de Elea como «o inventor da
dialéctica». Por dialéctica Aristóteles entendía «a técnica de debater», a fin
de descualificar argumentos.
Este era un método habitualmente empregado polos
pensadores presocráticos procedentes das cidades gregas de Asia Menor nas
que xurdira a filosofía no século VI a. C. a partir dunha reflexión racional
sobre a natureza. Por vez primeira na boca destes filósofos se libera o logos (o razoamento) do mito (explicación non científica). Poñamos o exemplo de Heráclito.
Heráclito de Éfeso enunciou o principio de que todo cambia, nada permanece.
O Πάντα ῥεῖ (pánta rei) ou, o que é o mesmo, "todo flúe", exemplifícao
dicindo que ninguén pode bañarse dúas veces nun mesmo
río, porque aínda que aparentemente o río é o mesmo,
os seus elementos, a súa canle, a auga que corre por el, cambiaron. O cambio é
a constante da vida xa que esta representa unha constante transformación.
Nos
mesmos ríos entramos e non entramos, [pois] somos e non somos [os mesmos].
Orixinariamente a dialéctica designaba un método de conversación ou argumentación análogo ao que actualmente se chama lóxica.
No século XVIII o termo adquiriu un novo significado: a teoría dos contrapostos nas cousas ou nos conceptos, así como a detección e superación destes contrapostos. Aséntase como unha teoría do coñecementoda realidade xa que adialéctica considera que todos os fenómenos están suxeitos a perpetuo movemento e cambio, ou que o desenvolvemento da Natureza é o resultado da loita das súas contradicións. Os filósofos da antiga Grecia, segundo a expresión de Engels, eran dialécticos innato
•Cuestións: Escoita “Todo
se transforma” de Jorge Drexler
1-Tras escoitar o audio
deste video clip, tenta explicar cal é a relación que esta canción ten coa
dialéctica.
2-Con cal das dialécticas
(a grega ou antiga ou a moderna) a relacionarías? Argumenta a resposta.
A DIALÉCTICA NA INVENCIÓN DA DEMOCRACIA
O salto
da reflexión filosófica e científica ao debate político deuse tamén naquel
momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou aquela teoría
filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a “isonomía”, unha
igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de todos os cidadáns,
fundamento da democracia. Enfrontouse e
derrotou así á “timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en
función da riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia).
Atenas é unha cidade cun magnífico porto (O Pireo) que explica que fose unha cidade de navegantes e mercaderes. Ao principio estaba gobernada por un rei (monarquía), pero axiña os nobres constituíronse nunha oligarquía (goberno dos poucos) que serán os gobernantes en función da súa linaxe e riqueza. O pobo non tardou en queixarse de que esta oligarquía era inxusta á hora de gobernar porque non había leis escritas ás que responder. Foi por iso que Dracón, un nobre aristócrata redactou as primeiras leis da cidade favorables aos intereses dos oligarcas. Eran crueis e inhumanas , polo que aínda que foron un avance non tardaron en xurdir novas leis ante a desesperación das capas mái spobres dos cidadáns atenienses. Foi Solón o que realizou un novo código de leis no 594 a. C. Algo que non gustou ás familias de nobres a pesar de que estas leis seguían primando ao s maís ricos sobre os máis pobres. A nobreza impuxo entón unha especie de novo rei, denominado tirano. Chamábase Pisístrato e gobernou ata a súa morte, pero os seus sucesores non puideron manter por máis tempo unha situación de desigualdade e inxustiza evidente polo que o pobo logrou colocar no poder ao seu líder, Clístenes, que se considera o impulsor dun novo sistema político, a democracia, no que todos os cidadáns de Atenas pobres ou ricos podían ocupar calquera cargo público ao ser iguais ante a lei.
Sabemos que aquela
democracia, na democracia ateniense que se asentou ao longo do século V a. C.
non era perfecta. Só era igualitaria para os cidadáns varóns, libres e nativos
de Atenas, ou o que é o mesmo, quedaban excluídos do debate político todas as mulleres,
ademais dos estranxeiros e os escravos. Pero debemos chamar a atención sobre un feito que en moitas ocasións non
se declara. Foi neste tempo e nesta polis grega onde achamos tamén un
pensamento crítico e un movemento rebelde contrario a inxusta exclusión da
muller e dos estranxeiros. Unha herdanza esta última digna de mención ao mesmo
nivel que as anteriores.
PENSAMENTO CRÍTICO: PERICLES E ASPASIA
•Trátase dun apartado práctico de investigación que
promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na
Unidade cero introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto ao
longo do curso que terá aproximadamente 12 temas.
•Versará sobre:
OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA
•Imos traballar sobre un exemplo práctico de
dous contrarios en loita.
Vaiamos de novo ao século V a. C. a coñecer a
Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta
fundamental na Atenas do século V a. C.
a Oratoria.