Aspasia e Pericles |
No curso 2022/23 este blog será o blog da ORATORIA...Foi esta unha disciplina na que os gregos e romanos eran verdadeiros expertos, unha arte que co paso do tempo non todos os sistemas educativos foron quen de seguir cultivando como instrumento fundamental construtor do espírito crítico.
Pero que é iso da Oratoria?
Cando dis de alguén: Que ben fala! seguramente queres dicir que cando se expresa esa persoa faino con claridade, beleza e convicción, ademais de con elocuencia porque co seu discurso é capaz de emocionarte e mesmo de convercer. Logo esa persoa dominará a retórica e a oratoria.
UNHA PRIMEIRA DEFINICIÓN DE ORATORIA
ORATORIA: É a arte de falar e escribir con elocuencia, o que vén sendo, comunicarse de xeito agradable, conmovendo e persuadindo.
RETÓRICA: Son as regras, técnicas e recursos que nos permiten dominar a Oratoria, chegar a ser elocuentes.
UNIDADE CERO: DA DIALÉCTICA FILOSÓFICA Á ORATORIA
A Oratoria como xénero literario e como arte da elocuencia e da persuasión é unha materia que nace en Grecia e que logo Roma desenvolve para estenderse con posterioridade por Europa e confluír con outras tradicións culturais antes de asentarse como un recurso vital para as sociedades modernas de todo o mundo.
Estamos
falando da comunicación. A reflexión e coñecementos acerca da comunicación
como recurso esencial da Humanidade coas especificidades e complexidades
que os seres humanos presentamos, faise pois un labor transcendental para unha
educación integral.
Para
comezar imos viaxar á Grecia Clásica onde naceu a Oratoria e deternos, en
particular, na Atenas do século V a.C. porque alí podemos dicir que dá os seus
primeiros pasos tanto como xénero literario, ou
simplemente como a arte de persuadir a través da palabra.
Antes de proseguir deberemos reparar precisamente noutro concepto intimamente relacionado coa Oratoria, pero que llo debemos aos filósofos o concepto da Dialéctica ou a arte de dialogar. Para que haxa comunicación debemos establecer un diálogo co outro, de aí que a dialéctica sexa en boa medida o punto de partida á hora de nos comunicar.
Etimoloxía da palabra Dialéctica
Dialéctica vén da unión dunha preposición grega διά (diá): "a través de" e do verbo λέγω (lego): "discutir, conversar, razoar, pensar".
Significará algo así "método para pensar a través do razoamento"discutir en movemento, é
dicir, discusión ou tensión sobre
dous opostos. Así establecer un diá-logo é pois comezar unha
conversación entre dúas ou máis persoas.
No dicionario adoita dar dúas acepcións:
1. Teoría e técnica retórica de dialogar e
discutir para descubrir a verdade mediante a exposición e confrontación de
razoamentos e argumentacións contrarios entre si.
2. Conxunto de razoamentos e
argumentacións dun discurso ou unha discusión e modo de ordenalos.
A dialéctica é a arte de debater e razoar ideas diferentes.
Nun discurso, a dialéctica consiste en presentar unha idea
principal ou concepto, denominado tese,
ao cal se lle contrapoñen diferentes argumentos e ideas, coñecidas como antítese dano como resultado a síntese.
CUESTIÓNS:
1- Cal é a definición de dialéctica que nos dá
Maite Larrauri.
2- Ten que ver coa palabra diálogo, xustifica
esa relación.
3- Cal é son os pasos a seguir neste método ou
técnica?
4- Platón non quería que se ensinase ao
rapaces coma vós, por que?
5- Por que cres que a arma da dialéctica é
diferente a dialéctica das armas?
6- Tería razón Platón na súa teima de que os
mozos non soubesen da dialéctica ata chegar aos 35 anos? Argumentamos seguindo
o pasos da dialéctica establecendo dous grupos na aula.
7- Como explicas a loita de clases ou o gran
paso da dialéctica do discurso á dialéctica da realidade? Quen o levou a cabo?
O nacemento da dialéctica:
Como xa dixemos foron os filósofos gregos os que definiron a dialéctica. Aínda que os grandes filósofos, como Platón e Aristóteles, a usaron, precisamente este último foi o primeiro en indicar a Zenón de Elea como «o inventor da dialéctica». Por dialéctica Aristóteles entendía «a técnica de debater», a fin de descualificar argumentos.
Este era un método habitualmente empregado polos pensadores presocráticos procedentes das cidades gregas de Asia Menor nas que xurdira a filosofía no século VI a. C. a partir dunha reflexión racional sobre a natureza. Por vez primeira na boca destes filósofos se libera o logos (o razoamento) do mito (explicación non científica). Poñamos o exemplo de Heráclito.
Heráclito de Éfeso enunciou o principio de que todo cambia, nada permanece. O Πάντα ῥεῖ (pánta rei) ou, o que é o mesmo, "todo flúe", exemplifícao dicindo que ninguén pode bañarse dúas veces nun mesmo río, porque aínda que aparentemente o río é o mesmo, os seus elementos, a súa canle, a auga que corre por el, cambiaron. O cambio é a constante da vida xa que esta representa unha constante transformación.
ποταμοῖς τοῖς αὐτοῖς ἐμβαίνομεν τε καὶ οὐκ ἐμβαίνομεν,
εἶμεν τε καὶ οὐκ εἶμεν τε.
Nos
mesmos ríos entramos e non entramos, [pois] somos e non somos [os mesmos].
Orixinariamente a dialéctica designaba un método de conversación ou argumentación análogo ao que actualmente se chama lóxica.
No século XVIII o termo adquiriu un novo significado: a teoría dos contrapostos nas cousas ou nos conceptos, así como a detección e superación destes contrapostos. Aséntase como unha teoría do coñecemento da realidade xa que a dialéctica considera que todos os fenómenos están suxeitos a perpetuo movemento e cambio, ou que o desenvolvemento da Natureza é o resultado da loita das súas contradicións. Os filósofos da antiga Grecia, segundo a expresión de Engels, eran dialécticos innato
• Cuestións: Escoita “Todo
se transforma” de Jorge Drexler
1-Tras escoitar o audio
deste video clip, tenta explicar cal é a relación que esta canción ten coa
dialéctica.
2-Con cal das dialécticas
(a grega ou antiga ou a moderna) a relacionarías? Argumenta a resposta.
A DIALÉCTICA NA INVENCIÓN DA DEMOCRACIA
O salto
da reflexión filosófica e científica ao debate político deuse tamén naquel
momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou aquela teoría
filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a “isonomía”, unha
igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de todos os cidadáns,
fundamento da democracia. Enfrontouse e
derrotou así á “timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en
función da riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia).
Atenas é unha cidade cun magnífico porto (O Pireo) que explica que fose unha cidade de navegantes e mercaderes. Ao principio estaba gobernada por un rei (monarquía), pero axiña os nobres constituíronse nunha oligarquía (goberno dos poucos) que serán os gobernantes en función da súa linaxe e riqueza. O pobo non tardou en queixarse de que esta oligarquía era inxusta á hora de gobernar porque non había leis escritas ás que responder. Foi por iso que Dracón, un nobre aristócrata redactou as primeiras leis da cidade favorables aos intereses dos oligarcas. Eran crueis e inhumanas , polo que aínda que foron un avance non tardaron en xurdir novas leis ante a desesperación das capas mái spobres dos cidadáns atenienses. Foi Solón o que realizou un novo código de leis no 594 a. C. Algo que non gustou ás familias de nobres a pesar de que estas leis seguían primando ao s maís ricos sobre os máis pobres. A nobreza impuxo entón unha especie de novo rei, denominado tirano. Chamábase Pisístrato e gobernou ata a súa morte, pero os seus sucesores non puideron manter por máis tempo unha situación de desigualdade e inxustiza evidente polo que o pobo logrou colocar no poder ao seu líder, Clístenes, que se considera o impulsor dun novo sistema político, a democracia, no que todos os cidadáns de Atenas pobres ou ricos podían ocupar calquera cargo público ao ser iguais ante a lei.
Sabemos que aquela
democracia, na democracia ateniense que se asentou ao longo do século V a. C.
non era perfecta. Só era igualitaria para os cidadáns varóns, libres e nativos
de Atenas, ou o que é o mesmo, quedaban excluídos do debate político todas as mulleres,
ademais dos estranxeiros e os escravos. Pero debemos chamar a atención sobre un feito que en moitas ocasións non
se declara. Foi neste tempo e nesta polis grega onde achamos tamén un
pensamento crítico e un movemento rebelde contrario a inxusta exclusión da
muller e dos estranxeiros. Unha herdanza esta última digna de mención ao mesmo
nivel que as anteriores.
PENSAMENTO CRÍTICO: PERICLES E ASPASIA
• Trátase dun apartado práctico de investigación que
promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na
Unidade cero introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto ao
longo do curso que terá aproximadamente 12 temas.
• Versará sobre:
OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA
• Imos traballar sobre un exemplo práctico de
dous contrarios en loita.
Vaiamos de novo ao século V a. C. a coñecer a Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta fundamental na Atenas do século V a. C. a Oratoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario