mércores, 28 de setembro de 2016

Como imos traballar?


Como definirías ti a Cultura Clásica?
Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra  que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.

Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos a descuberta da literatura e a súa evolución dende o mito ao logos.

Aspiramos que un alumno/a de Cultura Clásica sexa un bo coñecedor da mitoloxía grecolatina, logo terá que escoitar, ler, coñecer e mesmo contar moitos mitos.
Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.

A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto)  que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.

A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia.  E unha materia que tanto debe ao mundo das Letras tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.

Un alumno/a terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma como base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado.

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible (magistra vitae).

 Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.



PROXECTOS DO CURSO

 O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día.  O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico.
Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes.
Outros exemplos serían coñecer mellor o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial) a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras,  os soportes da escrita e o alfabeto.

Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).

Proxectos de grupo: Traballos en grupo que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Algúns destes traballos serán expostos na aula (como probas orais avaliables) normalmente acompañadas dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais que inclúan o teatro, a banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando.

Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.

Lecturas clásicas: Realizaremos  ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén  textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...

Olimpíadas Clásicas San Narciso 2016

luns, 19 de setembro de 2016

Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións"

Benvidos ao curso 2016-17 e ao blog AULA CLÁSICA tras das vacacións e as probas de setembro. O lema deste curso será o da xusticia (iustitia, en latín) de aí o título que lle colocamos a esta primeira entrada do noso blog: Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións", que é unha parte do verso 9 da obra de Hesíodo, Os traballos e os días un texto do século VI a. C. nos que emerxe esta deusa grega da Xustiza denominada DiKé.

Ben sabemos que poderíamos escoller outros lemas como estoutro en latín: IUSTITIA EST LAETITIA POPULI  "A xustixa é a ledicia do pobo" unha oración que emula unha fórmula habitual escrita en algunhas moedas da Idade Media. Gustábannos tamén certas citas, algunhas moi coñecidas, sobre a xustiza como, por exemplo esta de Cicerón: "Inter arma silent leges" ( "No medio das armas as leis calan") porque define moi ben varias das situacións que con frecuencia se produciron no Mundo Clásico greco-romano e que analizaremos a fondo neste curso. Seguro que, ao longo deste ano, iremos descubrindo e comentado xuntos outras moitas á vez que nos imos adentrando na materia, no espazo e na cultura que veu nacer o dereito e que mesmo presenta divindades inventoras do concepto ao que nos referimos, a Xustiza aparece representada como a deusa grega DIKÉ, a súa nai TEMIS ou a denominada ASTREA. A antiga Grecia ten que ser ineludiblemente o noso punto de partida nesta inevitable viaxe cara ao mundo clásico que imos realizar. Un espazo que alimenta mitos como o da deusa grega Diké.

 Diké é a primeira imaxe do curso como cabeceira do mesmo. Analicemos as seguintes imaxes relacionadas coa deusa. A imaxe romana dunha Diké que leva nunha man a espada e noutra unha balanza é coa que hoxe adoitamos representar á Xustiza, pero cunha venda tapándolle os ollos para indicar que é cega, imparcial ou igual para todos á hora de aplicar a lei (asociada habitualmente tamén como norma do dereito romano dura lex, sed lex).

 Mais é digno de mención o concepto máis antigo que aparece en imaxes de vaixelas gregas unha pacífica, onde Diké pousa a carón das súas irmás Eunomia e Eirene con atributos asociados a elementos agrarios e outra máis violenta onde loita e vence a Adicía, é dicir, á inxustiza. Nunha concepción do mundo dialéctico ( loita de contrarios) a xustiza é un dos conceptos que cobra maior vigor e será visto axiña como unha cualidade propia dos deuses, asociada a un dos principais da mitoloxía grega como é Zeus. Pero non adiantemos acontecementos, estamos falando xa de mitoloxía e como diría Robert Graves "un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas político e relixiosos que prevalecían en Europa". Así que cara a Antigüidade máis remota nos encamiñaremos de contado para realizar unha introdución á mitoloxía como é debido e preguntarmos que é un mito?

As tres Horas: Eunomía, Diké e Eirene.
Diké loitando contra Adicia

domingo, 26 de xuño de 2016

Probas modelo para preparar a proba de setembro

Colocamos a continuación varias probas realizadas durante o curso que serven de modelo para a que se vai realizar en setembro:

1ª Avaliación:

1-      Realiza un debuxo do mapa de Mediterráneo estudado  no que aparezan: península Ibérica, de Italia e Grecia, Turquía e a costa onde está Siria e Israel. Non esquezas o norte de África e algunha das illas máis importantes.
2-      Escribe o alfabeto grego en maiúsculas e minúsculas.
3-      Como definirías a Cultura Clásica? Os nomes da clase que orixe etimolóxica teñen? A que se debe?
4-      Que é un mito? Que tipo de relatos consideramos hoxe mitos? O mito é relixión ou  historia? Razoa a resposta.
5-      Quen son os aedos? Que sabes de Homero? Que relación ten o mito coa literatura?
6-       Explica cal foi o proceso que seguiu a Humanidade para lograr inventar o alfabeto.
7-      Define o indoeuropeo. Cales son as cinco familias lingüísticas máis grandes do mundo?
8-      Sócrates e a escritura: “...Cando chegaron ao das letras, dixo Theuth:-Este coñecemento,oh rei, fará máis sabios aos exipcios e de máis memoria, pois se inventou como un fármaco da memoria e da sabedoría.
 Pero el respondeu: -Oh artificioso Theuth! A uns  élles dado crear arte, a outros xulgar que dano ou proveito aporta aos que pretenden facer uso dela.  E agora ti, precisamente, pai que es das letras, por apego a elas,  atribúelles poderes contrarios aos que teñen. Porque é obvio o que producirán nas almas de quen as aprendan, ao descoidar a memoria, xa que, fiándose do escrito, chegarán ao recordo desde fóra, a través de signos alleos, non desde dentro, desde eles mesmos e por si mesmos. Non é, pois, un fármaco da memoria o que atopaches, senon un simple recordatorio.  Aparencia de sabedoría é o que ensinas  aos teus alumnos, que non verdade. Porque tras escoitar moitas cousas sen aprendelas, parecerá que teñen moitos coñecementos, sendo, ao contrario, na maioría dos casos...”
Que postura defendía o famoso filósofo grego acerca do invento das letras?  Cal é a túa opinión sobre a opinión de Sócrates? Argumenta debidamente a túa resposta.
A partir das ilustracións explica o sincretismo ou fusión que presenta a mitoloxía grega.  

2ª Avaliación:



1-XEOGRAFÍA: Coloca no mapa os números:     1.Cnossos, 2-Troia, 3-Micenas, 4-Esparta, 5.PELOPONESO,  6- MAR EXEO, 7-CÍCLADAS 8-Illa de Tera, 9- Atenas e marca con frechas: 10- Invasións aqueas, 11-Invasións dorias  e 12-Fuxida dos Aqueos.
2-HISTORIA:  Que sabes do nacemento, características, evolución e destrucción da civilización minoica?
3-Que sabes do nacemento, características, evolución e destrucción da civilización micénica?
4-LINGUAS: Que son o lineal A e o lineal B?
5-MITOS:  Narra brevemente: Teseo e o Minotauro. Dédalo e Ícaro.
6- Narra brevemente: O segredo de Prometeo e a voda de Tetis e Peleo.
7-  Que pasou con Europa, a princesa fenicia?         Como naceron Aquiles, Paris e Helena?.
8-LENDO AOS CLÁSICOS:  Explica o mito dos andróxinos que conta Platón.
9-DE ONTE A HOXE:  Quen era Asterión? Que visión ofrece Borges deste personaxe?  El fala do “Palacio de las hachas” A que mito fai referencia? Quen inventou este mito? Razoa as respostas.

10-ARS LONGA: Numera, identifica e comenta o contido das seguintes ilustracións.

3ª Avaliación: 


1-      A xeografía da Ilíada de Homero:  a-EXEO,  b-ÍTACA, c-Cnossos, d-Troia,  e-Micenas f- Esparta, g-Pilos, h-HITITAS
2-       Que é a Épica? Que sabes de Homero
3-      Que descubrimentos fixo H. Schliemann?
Que sabemos polas excavacions, Blegen e as máis recentes dos anos 90?
Que nos transmiten os textos en lineal b e dos hititas?
4-      ILÍADA.Cales  son as razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia? Como aparecen  na película TROIA?
5-       TEXTOS: A  Ilíada comeza  no _____ ano do _________ de Troia.   Quen son  Criseida e Briseida? Explica cal é o tema central?
 Despois de ler o texto, identifica quen interven, a que momento corresponde:    Posto que Febo Apolo me quita a Criseida, encamiñándome eu mesmo a túa tenda, levareime a Briseida, a de fermosas meixelas, a túa recompensa, para que saibas canto máis poderoso son.....Tal dixo. Perturbouse o Pélida, e dentro do veludo peito o seu corazón discorreu dúas cousas: ou, botando a man á aguda espada que levaba, abrirse paso e matar ao Atrida, ou calmar a súa cólera e reprimir o seu furor. Mentres tales pensamentos revolvía na súa mente e no seu corazón e sacaba a gran espada, veu Atenea do ceo: enviouna Hera, a deusa dos níveos brazos, que amaba cordialmente a entrambos e por eles se preocupaba. Púxose detrás del Pélida e tiroulle da blonda cabeleira, aparecéndose a el tan só; dos demais, ninguén a vía.

6-      Lembra cinco personaxes gregos e cinco troianos. Que deuses apoian a Troia e cales a Grecia. Como remata a Ilíada de Homero?
7-      VIII-VERDADEIRO OU FALSO : Homero ou  a mitoloxía non o contan así:
Menelao morre tras do combate con Paris:
Paris foxe de Menelao  envolto nunha néboa grazas a Afrodita:
Patroclo combatía con Héitor coa armadura encargada por Tetis a Hefesto:
Apolo ataca as concavas naves do campamento grego e envíalles unha peste,
Agamenón morre na toma de Troia:
Hécuba era a esposa de Príamo:
Casandra anunciou os perigos que traerían para Troia Paris e o cabalo dos gregos.
Andrómaca, muller de Heitor, vai escapar de Troia con Helena.
Eneas vai ser case que o único heroe troiano que escapa da matanza de Troia.
Aquiles estaba dentro do cabalo de Troia.
8-      Sobre a morte de Aquiles,  a versión do cine sitúao dentro de Troia, que hai de certo? Como morre Paris?
9-      O cabalo de Troia que sabemos del pola mitoloxía e pola arqueoloxía?
10-   Cal vai ser o motivo do retraso do regreso de Odiseo? Comenta as ilustracións:



3ª Avaliación




mércores, 22 de xuño de 2016

Olimpíadas Clásicas San Narciso 2016


Baixo un sol de verán levamos a cabo unha nova edición das Olimpíadas Clássicas San Narciso iremos subindo imaxes e información a modo de reportaxe sobre a experiencia que vivimos en primeiro plano os alumnos/as de Cultura Clásica.

sábado, 21 de maio de 2016

TEMAS E CUESTIONARIO SOBRE AS OLIMPÍADAS

Xa sabedes que con motivo das Olimpíadas Clásicas do San Narciso 2016, en primeiro lugar, debemos abordar o asunto de vestir coma gregos/as.

OS DISTINTOS TEMAS QUE IMOS TOCAR:

- Localización no espazo e no tempo.
1) Olimpia no mundo e na historia.
2) Cómo era Olimpia.
3) Orixe mitolóxica dos xogos.
4) Xogos na honra de Zeus.
5) A muller e as Olimpíadas.


- Probas das Olimpíadas antigas.
6) Organización dos Xogos.
7) Probas pedestres.
8) O pentatlón e a loita.
9) Probas hípicas.

- Significado dos Xogos de Olimpia.
10) O deporte na educación dos gregos: o ximnasio.
11) Agón e Niké: O sentido da competición e da vitoria.
12) O espido símbolo da procura da verdade sobre o ser grego.
13) Outros xogos nas cidades-estado helenas.
14) A decadencia dos de Olimpia.

O NOSO LIBRO DE TEXTO E AS OLIMPÍADAS
 No noso libro de texto podemos consultar aspectos para elaborar os nosos traballos sobre as Olímpíadas. Entre paréntese aparecen os temas dos que podes:
1) Olimpia no mundo e na historia. ( tema 2 páx. 30-31, tema 9 páx. 128-133,138-139)
2) Cómo era Olimpia (tema 9 páx. 128-133,138-139)
3) Orixes mitolóxicas dos xogos (tema 9 páx. 128-133,138-139, tema 10 páx.152)
4) Xogos na honra de Zeus (tema 9 páx. 128-133,138-139, tema 10 páx.152, tema 8 páx. 116-118) 
5) A muller e as Olimpíadas (tema 5 páx. 76, tema 6 páx.86-87,tema 9 páx. 128-133,138-139)

- Probas das Olimpíadas antigas.
6) Organización dos Xogos (tema 9 páx. 128-133,138-139, tema 7 pa´x. 100-102)
7) Probas pedestres (tema 9 páx. 128-133,138-139)
8) O pentatlón e a loita (tema 9 páx. 128-133,138-139)
9) Probas hípicas (tema 9 páx. 128-133,138-139)

- Significado dos Xogos de Olimpia.
10) O deporte na educación dos gregos: o ximnasio.(Tema 6 páx.86-87, tema 9 páx. 128-133,138-139, tema 7 páx 102-105)
11) Agón e Niké: O sentido da competición e da vitoria (tema 9 páx. 128-133,138-139).
12) O espido símbolo da procura da verdade sobre o ser grego (tema 10 páx. 144-147, tema 7 páx. 106,tema 9 páx. 128-133,138-139)
13) Outros xogos nas cidades-estado helenas (tema 9 páx. 128-133,138-139)
14) A decadencia dos de Olimpia(tema 9 páx. 128-133,138-139)

CUESTIONARIO BÁSICO:
I- OLIMPIA: A CARREIRA DO HOME GREGO POR COÑECERSE    
Fai un mapa do Mediterráneo e achegándote a Grecia, localiza Olimpia e a península do Peloponeso.
-  O deporte tal e como o entendemos é un invento grego porque:
a)
b)
II- A GRECIA ANTIGA, O BERCE DO ESPÍRITO OLÍMPICO.
-              Cal dos aportes creativos destacarías como a máis peculiar das actividades da Antiga Grecia?
-              En que época nacen e se desenvolven os Xogos Olímpicos? ( Escolle unha)
a)            Na etapa anterior á chegada dos pobos indoeuropeos que falan grego.
b)           Na época que florecen as polis e o dominio comercial grego por mar.
c)            Na época da conquista dos romanos de Grecia.
III- ORIXES MITOLÓXICAS DOS XOGOS.
-Quen era Pélope, e que pasou con Hipodamia? Por que din que fundaron uns xogos en Olimpia?
-Quen é o fundador máis popular dos Xogos olímpicos e que plantou a carón do Santuario?
IV- A ORGANIZACIÓN DAS OLIMPÍADAS.
-              Quen organizaba os xogos e a cada canto se realizaban?
-              Que era a Tregua Sagrada?
V- XOGOS NA HONRA DE ZEUS OLÍMPICO.
-              Por que se di que as Olimpíadas teñen carácter relixioso.
-              Quen foi o autor da gran estatua Zeus quen anteriormente en Atenas fixera unha de Atenea.
VI-ESPAZOS NA OLIMPIA DOS XOGOS
-              Que é o Altis?
-              Cal era o nome e os símbolos cos que se identifica ao deus máis importante de Olimpia?
-              Onde se realizaban as probas deportivas de Olimpia?
VII- AS PROBAS GIMNÁSTICAS I:
-Onde se realizaban as carreiras pedestres?
-Que tipos de carreiras a pé había en Olimpia?
- Que diferenza atopas coas que se levan acabo hoxe en día?
VIII-AS PROBAS GIMNÁSTICAS II:
-Que diferenza atopas entre o salto de lonxitude de hoxe e o que se practicaba na Antiga Grecia?
-Que significa a palabra grega “discóbolo”
IX- AS PROBAS HÍPICAS
-Que tipo de probas se realizaban no hipódromo?
- Sabes que as coroas de vencedores destas probas non eran para o xinete, si para os donos do cabalos por que?
a)Porque os xuíces olímpicos eran moi inxustos.
b)Porque os xinetes morrían todos nestas competicións tan duras.
c)Porque era un deporte aristocrático e só os ricos podían pagar unha cabalería.
X – A MULLER NAS OLIMPÍADAS
-Por que non competían as mulleres nas probas das Olimpíadas. Busca un motivo:
a) Si, había competicións femininas, pero non eran na honra de Zeus.
b) Porque tiñan menos preparación física.
c) Porque había homes espidos no estadio.
A quen estaban dedicadas as probas femininas máis antigas, posible orixe dos Xogos en Olimpia.
a)            Estaban dedicadas aos deuses do mal.
b)           Eran probas rituais dedicadas á Deusa Nai, divindade mediterránea da fecundidade dos campos.
c)            Estaban dedicadas a deusa do amor.
XI- O ESPIDO NAS COMPETICIÓNS.
-Por que corrían espidos os gregos:
a)            Para demostrar que eran iguais uns aos outros.
b)           Porque pensaban que a perfección do corpo era unha manifestación do poder dos deuses.
c)            Porque competían máis cómodos ao non haber mulleres no estadio.
XII-AGÓN(COMPETICIÓN) E NIKÉ ( VICTORIA).
-Por qué os gregos tiñan ese gusto pola competición:
a)            Polo seu egoísmo.
b)           Por unha demostración aristocrática de valor e o seu afán de superación.
c)            Por que gañaban moito diñeiro nos premios.
-Cales eran os premios nunha Olimpíada:
XIII-O XIMNASIO E A VIDA DOS ATLETAS.
-              En cada cidade estado grega non podía faltar un ximnasio, por que se chama así:
-              Para que  empregaban os atletas o aceite?.
XIV- OS OUTROS XOGOS PANHELÉNICOS.
-              Que significa “panhelénicos”
-              Cales eran os outros xogos e a que deus se dedicaban (Verdadeiro ou falso L)
Nemeos: Poseidón
Pitios:   Heracles, fillo de Zeus
Istmicos: Apolo

XV- DECADENCIA DOS XOGOS
-              Cal cres ti que poden ser dúas causas da decadencia dos xogos:
a) Perda do espírito olímpico ao evolucionar  o deporte cara á profesionalización dos atletas.
b) Pola presión dos emperadores cristiáns que fan destruír o templo de Zeus.

c) Porque os turcos roubaron a estatua de Zeus Olímpico.

mércores, 18 de maio de 2016

A DECADENCIA DOS XOGOS EN OLIMPIA


OS MACEDONIOS E O PERÍODO HELENÍSTICO

Tras grandes períodos de apoxeo sitúase nos s.VIII ao V a.C o declinar da sociedade grega, a partir do período helenístico IV a.C. comeza a decadencia. Aínda que os poderosos reis macedonios Filipo II e Alexandro Magno edificaron en Olimpia o Filipeo e axudaron ao Santuario e aos xogos. Houbo ocasións en que a tregua sagrada non foi respeitada (ano 388 a.C.), varios son os casos de violación das normas deportivas. Outro signo da profesionalización das probas atléticas foi a construción dun novo estadio fóra do Altis. Todo evidencia a perda de relevancia do seu carácter relixioso e a tendencia dos gobernantes a utilizar o enclave sagrado como manifestación das súas ambicións. O esplendor dos Xogos foise apagando trala morte de Alexandro Magno.

GRECIA E OS XOGOS BAIXO O PODER DE ROMA

Grecia foi sometida polos romanos a partir do 146 a. C. e foilles recoñecido o dereito de participar nos Xogos Olímpicos aos cidadáns romanos e a cada vez máis nacionalidades non gregas, pero os xogos seguiron facéndose cun carácter internacional. de todos os países do Imperio Romano chegaban a Olimpia.
Unha gran insolencia foi a de Sila que saqueou o Santuario de Olimpia e festexou a súa victoria sobre os Mitríades obrigando aos atletas a competir na Olimpíada 175 ª en Roma (80 a.C.), transladando alí as Olimpíadas. Coa chegada dos emperadores volveuse a mirada cara a Olimpia. Octavio Augusto reconstruíu o santuario.
Na época do emperador filohelénico Adriano, o santuario renaceu de novo. Pero dende o s.III d.C. o seu brillo comezaa declinar coa introdución de elementos cruentos, amigos os romanos da violencia. A figura romana do gladiador pouco tiña xa que ver co antigo atleta da Grecia arcaica de orixe aristocrática, o atleta romano podería ser un escravo adestrado expresamente polo seu amo, que era ademais co nome que competía como atleta.

NERÓN NOS XOGOS OLÍMPICOS

 O emperador Nerón era aficionado ás carreiras de cuádrigas e certames poéticos, musicais e teatrais. Organizou e engadiu outras competicións buscando a súa autoexaltación en Olimpia. Retrasou dous anos os Xogos Olímpicos para poder estar neles e guiou un carro tirado por dez cabalos, pero non puido dominalo e desistiu antes de rematar a carreira. Ao seu regreso de Grecia entrou en Nápoles, Ancio, Albano e Roma, emulando aos vencedores de Olimpia antigos nunha carroza tirada por cabalos brancos a través dunha brecha aberta nas murallas. Vestía un traxe púrpura e levaba na cabeza a coroa olímpica.

O FINAL DOS XOGOS

Os Xogos Olímpicos achéganse ao seu fin no momento en que se deixan de inscribir aos vencedores no ano 267 d.C. Axiña veu a prohibición das Olimpíadas tras a celebración da 293ª Olimpíada (393 de. C.).  No 394 d.C. Teodosio o Grande decretaba a prohibición ao proclamarse a relixión cristiá como oficial no Imperio e, ao ano seguinte, a estatua de Zeus de ouro e marfil foi levada a Constantinopla. As competicións olímpicas duraran 1168 longos anos. Olimpia terminou despoboándose e medrar a vexetación cubrindo paseniño as súas saqueadas ruínas.


Sobre os restos do Santuario ensañouse o afán destrutor do fanatismo cristián (no ano 426 d.C. ordenouse queimar) e uns terribles terremotos completaron a destrución. Os desprendementos da colina de Crono e as inundacións dos ríos Álfeo e Cladeo cubrírona de terra facendo desaparecer as ruínas. Co paso do tempo Olimpia cambiou mesmo de nome, primeiro Servíana e logo Antilalo.


O DECLIVE INEVITABLE

O factor principal do declive foi a desaparición paulatina do vinculo relixión – deporte, pero tamén os honores sociais e as prestacións económicas das que gozaban os gañadores. A institución recibiu o golpe mais duro polo comportamento humillante de emperadores como Nerón.



AS EXCAVACIÓNS

En 1829 realizáronse algunhas excavacións no templo de Zeus e na Igrexa Bizantina. Os achados consérvanse no Museo do Louvre. Nas primeiras excavacións atopáronse os edificios do Santuario, estatuas, moedas, inscricións, obxectos de barro, de ouro e de bronce. As excavacións continuaron, así coma reconstrucións da Cripta e do templo de Hera. De 1958 a 1961 rematáronse as excavacións que dan lugar ao actual Museo de Olimpia. As últimas calas arqueolóxicas descubriron a pervivencia dos Xogos durante un cento de anos máis despois da prohibición oficial do culto a Zeus.

OS OUTROS XOGOS NA ANTIGA GRECIA .

OS OUTROS XOGOS NA ANTIGA GRECIA .
O carácter panhelénico dos xogos.
Os xogos de Olimpia foron os máis importantes, pero non foron os primeiros realizados en territorio heleno, tampouco eran os únicos. Cada cidade tiña os seus propios xogos que se celebraban en todas as rexións colonizadas polos gregos ao longo do Mediterráneo. O espíritu competitivo era unha das características da cidadanía da polis da Grecia arcaica, signo distintivo da aristocracia e un tanto elitista. Ademáis dos Olímpicos só había outros tres grandes xogos de carácter Panhelénico, é dicir, que convocaran a todos os gregos: os Píticos, os Istmicos e os Nemeos.
As especialidades deportivas compúñanse de tres grandes tipos de competicións : ecuestres, atléticas e musicais. Pero nestes xogos houbo tamén competicións teatrais, o teatro era outro dos elementos culturais máis representativos da civilización grega que curiosamente non parece estar presente en Olimpia.

OS PITIOS EN DELFOS
Naceron no 582 a.C. aínda que se dicía foran fundados polo deus Apolo en lembranza da matanza da serpe Pitón. Eran celebrados a cada catro anos no ano anterior ao olímpico. Os vencedores obtiñan unha coroa de loureiro, árbore do deus da lira. Por iso nun primeiro momento só se celebraron concursos de música e canto, peor axiña engadironse probas atléticas e hípicas.

OS ÍSTMICOS EN CORINTO
Realizáronse a cada catro anos dende o 582 a.C. os xogos ístmicos en Corinto adicados a Poseidón. A súa fundación atribuíaselle a Teseo. Os vencedores das probas nas que se incluían, ademáis das usuais, as naúticas era unha coroa de pino.

Celebráronse por vez primeira no ano 576 a.C. en Nemea (na rexiónn do Peloponeso da Argólide), que en conmemoración da victoria de Heracles sobre un temible león e en honra do seu pai Zeus. Celebrábanse tamén nos veráns no segundo e cuarto ano de cada período olímpico. Os vencedores dos concursos atléticos, hípicos ou artísticos recibían unha coroa de mirto ou apio silvestre.

AS PANATENAICAS DE ATENAS
En honra de Atenas, deusa que dá nome a cidade foron fundadas porlo tirano Pisístrato no 568 a.C. e potenciadas co goberno democrático de Pericles un século despois. Fastuosas procesións e premios en metálico nas carreiras no estadio, ademáis das carreiras de cuadrigas e de fachos fan especialmente significativas ditas celebracións.
Outros Xogos de carácter máis local, pero de gran repercusión tiñan lugar en Epidauro, Megara, Platea, Exina e Atenas.

UNHA ANÉCDOTA DOS HIPÓDROMOS
Taráxipo, deus que espanta aos cabalos cuxo altar estaba no hipódromo xunto a nisa oriental que había en Olimpia daba máis temor que os de Istmia ou Nemea, que pode ser un epíteto de Poseidón Hipio. En Delfos no ano 462 aC. correron 41 carros dos que só un chegou a meta, o do rei de Cilene.


Curiosa entrada sobre a lampadadromía para saber máis