luns, 19 de setembro de 2016

Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións"

Benvidos ao curso 2016-17 e ao blog AULA CLÁSICA tras das vacacións e as probas de setembro. O lema deste curso será o da xusticia (iustitia, en latín) de aí o título que lle colocamos a esta primeira entrada do noso blog: Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións", que é unha parte do verso 9 da obra de Hesíodo, Os traballos e os días un texto do século VI a. C. nos que emerxe esta deusa grega da Xustiza denominada DiKé.

Ben sabemos que poderíamos escoller outros lemas como estoutro en latín: IUSTITIA EST LAETITIA POPULI  "A xustixa é a ledicia do pobo" unha oración que emula unha fórmula habitual escrita en algunhas moedas da Idade Media. Gustábannos tamén certas citas, algunhas moi coñecidas, sobre a xustiza como, por exemplo esta de Cicerón: "Inter arma silent leges" ( "No medio das armas as leis calan") porque define moi ben varias das situacións que con frecuencia se produciron no Mundo Clásico greco-romano e que analizaremos a fondo neste curso. Seguro que, ao longo deste ano, iremos descubrindo e comentado xuntos outras moitas á vez que nos imos adentrando na materia, no espazo e na cultura que veu nacer o dereito e que mesmo presenta divindades inventoras do concepto ao que nos referimos, a Xustiza aparece representada como a deusa grega DIKÉ, a súa nai TEMIS ou a denominada ASTREA. A antiga Grecia ten que ser ineludiblemente o noso punto de partida nesta inevitable viaxe cara ao mundo clásico que imos realizar. Un espazo que alimenta mitos como o da deusa grega Diké.

 Diké é a primeira imaxe do curso como cabeceira do mesmo. Analicemos as seguintes imaxes relacionadas coa deusa. A imaxe romana dunha Diké que leva nunha man a espada e noutra unha balanza é coa que hoxe adoitamos representar á Xustiza, pero cunha venda tapándolle os ollos para indicar que é cega, imparcial ou igual para todos á hora de aplicar a lei (asociada habitualmente tamén como norma do dereito romano dura lex, sed lex).

 Mais é digno de mención o concepto máis antigo que aparece en imaxes de vaixelas gregas unha pacífica, onde Diké pousa a carón das súas irmás Eunomia e Eirene con atributos asociados a elementos agrarios e outra máis violenta onde loita e vence a Adicía, é dicir, á inxustiza. Nunha concepción do mundo dialéctico ( loita de contrarios) a xustiza é un dos conceptos que cobra maior vigor e será visto axiña como unha cualidade propia dos deuses, asociada a un dos principais da mitoloxía grega como é Zeus. Pero non adiantemos acontecementos, estamos falando xa de mitoloxía e como diría Robert Graves "un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas político e relixiosos que prevalecían en Europa". Así que cara a Antigüidade máis remota nos encamiñaremos de contado para realizar unha introdución á mitoloxía como é debido e preguntarmos que é un mito?

As tres Horas: Eunomía, Diké e Eirene.
Diké loitando contra Adicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario