domingo, 19 de marzo de 2017

AS TRES ELECTRAS, a partir da de Sófocles (actividades de comprensión lectora)

Pretendemos con esta entrada poder abordar de xeito óptimo as actividades de comprensión e lectura que o libro de Electra de Sófocles inclúe a partir da páxina 19.

Comezamos coa aproximación ao mito da maldición dos Átridas, en especial, de Agamenón realizando unha árbore xenealóxica dende Atreo a Orestes para coñecer mellor a tráxica historia da linaxe que reinou en Micenas.



Unha primeira cuestión que provoca a lectura de Electra é: Cal é o concepto da Xustiza que se pode deducir da lectura desta obra? É unitario?

Evidentemente non pode ser unitario porque unha obra de teatro o que procura crear nos espectadores é un conflito e nesta obra haberá polo tanto e como mínimo dúas posturas ou opinións encontradas.

1. Os versos aos que nos remiten inicialmente 516-609 son os que aparecen no libro nas páxinas 45-50. Neste anaco da obra debes fixarte nas palabra se conceptos seguintes: xustiza, lei, bo ou malo dentro da defensa de cada personaxe e os puntos fundamentais da defensa de Clitemnestra e da de Electra.
2. A que desgraza fai referencia Electra?
3. Como se defende Clitemnestra das acusacións de Electra, que argumentos utiliza? Cales son, pola contra, cos que lle responde Electra? Cales son os máis verosímiles e lóxicos?
4. Por que cres que Electra está disposta a morrer con tal de levar a cabo a súa vinganza? omo calificarías esta accción? Cres lóxico que teña que repetir un crime familiar para vingar outro crime familiar?

Parece moi interesante e sobre todo necesario destacar como outro autor anterior a Sófocles chamado Esquilo tratando este mesmo tema  na súa triloxía de traxedias denominadas Agamenón, Coéforas( ou escravas que acompañan a Electra a ofrecer libacións á tumba de Agamenón) e As Euménides ( ou tamén coñecidas como Furias Erinias, divindades da vinganza por delitos de sangue que perseguen a Orestes ata Atenas) tamén aborda a cuestión da xustiza, lema do presente curso, dándolle un final ben distinto ao de Sófocles, e se se quere máis moderno e acorde coa Atenas democrática que se estaba construíndo. Podes consultar a visión da xustiza na obra As Euménides de Esquilo que de seguro che axudará a comprender o debate que quere plantear Sófocles.  Esquilo inicialmente contrapón o modelo da vinganza de sangue do dereito xentilicio a unha nova orde xurídica da concordia, a negociación e a reconciliación como un acordo logrado entre os homes, unha proposta coincidente co espíritu democrático que impera na Atenas do século V a. C.

Na obra de Sófocles incídese neste mesmo debate, a discusión acerca dos motivos que levan aos protagonistas a actuar  por vinganza, así parece renunciar a unha idea clara sobre como deben actuar os personaxes. Pero non, fixémonos a ironía tráxica que introduce Sófocles ao facer que Clitemnestra e Electra estean enfrontadas, pero defendendo á vez unha mesma idea da xustiza, a do ollo por ollo,


ANÁLISE DE PERSONAXES DOS TRES TRÁXICOS GREGOS

Diferenzas entre as obras de Sófocles e as de Esquilo e Eurípides a partir de personaxes como Clitemnestra e Electra.
Esquilo


Esquilo, o primeiro dos tres grandes mestres da verdade, entendeu perfectamente a funcionalidade do xénero teatral na creación de conflitos, se ben aínda non é quen de revelar eses conflitos plenamente no ámbito humano e outórgalle aos deuses un papel central nas súas tramas.
As obras de Sófocles afondan no aspecto máis humano dos personaxes, afastándose da idea de Esquilo na que as divindades teñen maior presenza, aínda que segue concedéndolle un valor substancial ao papel do destino. Algo do que se vai liberar, en gran medida, Eurípides.

Podes consultar as palabras da Clitemnestra de Esquilo: Na Orestíada de Esquilo  nas intervencións de Clitemnestra nas seguintes páxinas 43, 44 e 45 de Agamenón e 75 e 76 logo 81-84 das Coéforas e tamén a aparición, xa morte en Euménides páxinas 93-94.

Para o personaxe de Clitemnestra na Electra de Eurípides podes ler as sús intervencións nas páxinas 17 á 20, ademais traemos aquí un breve resumo da súa trama: Despois que Clitemnestra asasinase ao seu marido Agamenón, entrega a súa filla Electra a un labrego para evitar que teña descendencia nobre, pois se isto chegase a suceder seguramente reclamaría o seu dereito ao trono. Electra vive, no campo, casada co labrego, pero non mantén relacións con el. Isto  débese a que el é un home honrado e non cre ter o dereito  a unha muller de nobre berce. Orestes (irmán de Electra) chega á casa de Electra acompañado de Pílades. Electra non o recoñece e Orestes, sen darse a coñecer, trata de indagar se a súa irmá estaría disposta a vingar a morte do seu pai. Cando ao fin os irmáns se recoñecen, planean a vinganza sobre a súa nai e o novo marido desta: Existo. Unha vez ambos irmáns dan morte a súa nai, Clitemnestra, ambos teñen remorsos por  acabar coa vida de quen era a súa propia proxenitora. Ao final, Electra é obrigada a casar con Pílades. Orestes é desterrado e  sométeselle a un xuízo polo seu pecado.

É moi importante percibir que Sófocles retrata unha Electra oposta a Clitemnestra como manda o mito, pero á vez moi próximas a causa dunha arela que as une, o seu desexo de vinganza. A ilóxica defensa dunha vinganza que leva á nai e á filla ao odio antinatural. Isto pon en evidencia a fraqueza do argumento que ambas defenden, ese tradicional mandato de castigar un crime de sangue con outro crime.

Orestes, Electra e Crisótemis:
A Electra de Sófocles non parece dubitar en ningún momento do seu cometido marcado polo Destino. Emerxe un personaxe máis complexo que o homónimo de Esquilo. Ocupa en boa medida parte do papel que Esquilo lle concedeu a Orestes. Réstalle logo protagonismo ao personaxe masculino. Pero nin Electra, nin Orestes dubidan do seu cometido. O terceiro dos personaxes, Clisótemis, máis débil e maleable está pensado para contrapoñelo claramente á fortaleza de ánimo e a convición de Electra, A Electra de Sófocles resulta polo tanto un evidente síntoma da evolución do modelo dos protagonistas nas traxedias gregas, sendo Eurípides quen, en definitiva, atopa a fórmula máis coincidente coa dramaturxia actual, aínda que menos aplaudida nos seus tempos.

Fagamos un retrato escrito de Electra a partir do primeiro dos monólogos da obra de Sófocles.
Sófocles


Sófocles (496 a.C. - 406 a.C.) o autor por excelencia do século de Pericles.
Atenas no século V a. C. tras consultar o tema 3 dedicado a GRECIA e, en especial, as páxinas 40, 42 e 44 do libro de texto ou de clase de Cultura Clásica podedes establecer un marco temporal máis claro para a vida de Sófocles.

Atenas antes de chegar a ser unha democracia escravista pasou por outras etapas. Monarquía, Oligarquía ou gobernos aristocráticos como a Tiranía e, por fin. a Democracia. Para estudar esta evolución debemos coñecer as figuras de Solón e Clístenes no séculos VI a. C. e xa no século V a.C. a de Perícles.

Procura tamén unha definición dos seguintes termos:
Democracia:
Maxistrado:
Estratego:
Escravo:
Orchestra:
Liturxia:
Coro:
Traxedia:
Xusticia:

Para determinar cales son as súas innovacións na escena recomendamos reler a breve introdución do libro de lectura na que X. A. López Silva enumera algunha na páxina 14.

Logo procura algunha conclusión:
Por que cres que o legado literario grego é unha parte fundamental do noso patrimonio literario e cultural? Xustifca a resposta.

Tras do traballado sobre a Grecia Antiga e a traxedia, comenta aqueles aspectos sociais, políticos e culturais que máis te chamaran á atención tanto no texto como no que aprendiches.

Eurípides




mércores, 15 de marzo de 2017

FESTIVAL TEATRO GRECOLATINO EN LUGO





Este curso fomos ver dúas obras de teatro grecolatino a Lugo: Electra, unha traxedia de Sófocles e Epídicus,unha comedia de Plauto. Pero a nosa visita a Lugo servirá tamén para entrar en contacto cunha das cuestións fundamentais a tratar neste curso como é a Romanización de Gallaecia, que como sabedes é o nome do territorio noroccidental da península que foi conquistado por Roma sometendo unha cultura autóctona, a Cultura Castrexa ao cal lle puxeron este nome os propios romanos. Dalgún xeito entramos na historia grazas aos romanos, porque o período anterior a esta conquista podemos situalo na nosa prehisoria. Imos logo dar tamén entrada no curso a estes coñecementos básicos sobre estes períodos na nosa terra intimamente ligados tamén á Cultura Clásica.

A NOSA VISITA A LUGO

DA CULTURA CASTREXA Á ROMANIZACIÓN:
Son dous conceptos que debemos procurar definir: A Cultura dos Castros ou Castrexa. lévanos ás orixes culturais da nosa terra, á primeira civilización que coñecemos que conformou nun territorio unha serie de características comúns. A nosa primeira parada fixémola no Castro de Viladonga, un castro cuxo esplendor ou maior momento de ocupación está situado xa na época galaco-romana, pero foi ocupado con anterioridade, na época castrexa da que nos quedan algúns vestixios. Que debemos saber? Tes que descubrir cales son os máis relevantes deses elementos castrexos que consevamos e cales son os que trouxeron os romanos.


1- Orixe e procedencia da cultura castrexa.
2- Procurar unha definición.
3-Territorio que ocupaba esta cultura na Península Ibérica.
4-Etapas polas que pasa a través do tempo, canto durou?
5- Principais transformacións froito da Romanización.
6- A sociedade dos castros ( como vivían?).





7-A relixión castrexa, que sabemos dela e como o sabemos?
8- Mitos populares acerca dos castros.
9 - A imporatncia da arqueoloxía (restos pétreos, cerámicos e metálicos... por exemplo do Castro de Viladonga.

 

UNHA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA EN LUGO:

Outra das visitas que fixemos nesa mañá do 13 de marzo foi ao Museo Provincial onde vimos todas as salas dedicadas á nosa prehistoria e á romanización.

Estela funeraria de Philtates
Comezamos pola Epigrafía. que é a epigrafía? No claustro do antigo Mosteiro que hoxe é un gran museo está unha das coleccións máis impresionantes de restos pétreos da romanización en Galicia. Trátase de Aras, estelas, miliarios e inscripcions honoríficas ou conmemorativas da época galaico-romana que nos descubren distintos aspectos da capital LUCUS AUGUSTI.

Que é unha ara?
Ara aos lares vialis
Que é unha estela?
Que é un miliario?

Imos procurar exemplos dos que hai neste museo, unha polo menos de cada unha destas inscripcións para podelas comentar.



Copia dun miliario de  Guntín de Pallares (Lugo)
Sabemos que é un mosaico dunha domus romana ou unha tessera hospitalis?

Tessera hospitalis do Courel.



mércores, 1 de marzo de 2017

UNIDADE 3: CARA Á GRECIA CLÁSICA

1-DA GRECIA ESCURA Á GRECIA CLÁSICA

A) AS OLIMPÍADAS Imos comezar coas Olimpíadas como acontecemento singular da Grecia Arcaica. Imos visitar Olimpia e despois de ler cada unha das entradas seguintes ademais de realizar o cuestionario final, cada quen resumirá a súa viaxe ás Olimpíadas antigas deixándose levar do seu gusto escollendo como mínimo dous aspectos nos que debe afondar.

-A procura da verdade do home grego.
- Como era Olimpia.
-As orixes mitolóxicas dos xogos
-Os xogos na honra de Zeus
-A muller en Olimpia
-Organización dos xogos.
- As probas ximnásticas
    a) Probas pedestres.
    b) Probas de loita.
-As probas hípicas
-Educación e deporte nas cidades-estado
-A arte e o espido nas Olimpíadas
- Agón e Niké
-Os outros xogos na antiga Hélade
-A decadencia dos Xogos en Olimpia.

Cuestionario sobre as Olimpíadas, lembrade despois de rematar co cuestionario, escoller dous aspectos sobre os que ampliar información. 

B)GRECIA (tema 3 do libro)

C)ATENAS (tema 5 do libro)


A DEMOCRACIA ATENIENSE


2-AS ORIXES E EVOLUCIÓN DO TEATRO GREGO

A CREACIÓN LITERARIA: O TEATRO (tema 11 páx 160-163)

3-LECTURA DUNHA TRAXEDIA GREGA:
ELECTRA de Sófocles

-Introdución: Sófocles e a traxedia grega.
- A traxedia grega características xerais.
- Características do teatro de Sófocles.
- Electra e a influencia posterior da personaxe.
- Actividades de comprensión e lectura.
- Texto da traxedia.

AS TRES ELECTRAS










4-LECTURA DUNHA COMEDIA LATINA:
  EPIDICUS de Plauto.







5-FESTIVAL GRECOLATINO DE LUGO:
Achegamento ao mundo castrexo e a Romanización da Gallaecia

LÉXICO (exercicios 6-7-8 e 9 das páx.:51-65-81)

mércores, 8 de febreiro de 2017

AS MULLERES DA FUNDACIÓN DE ROMA

A longa viaxe de Eneas dende Troia ao Lacio.




Virxilio o autor da Eneida morreu no ano 19 do século I a.C. sen

poder rematar esta obra que era un encargo de Augusto polo que, no seu leito de morte, mandou queimar os manuscritos. Pero o emperador impediu que fose pasto do lume para lograr así contar cun relato que unía a súa familia coa estirpe de Eneas. 
 
 A Eneida de Virxilio e outros textos contaban as cousas como se foran feitas exclusivamente por homes, fóra da anécdota da loba:



CUESTIÓNS: Procura coñecer as circunstancias, explicar as distintas escenas e personaxes que teñen relación coa fundación de Roma, pero sobre todo ten moi presente de forma crítica a visión da muller que se amosa nestes episodios mitolóxicos.  Poñámos a vista non só nos homes protagonistas e verás como o papel das mulleres no relato anterior foi claramente amputado. Nós non o faremos.

Podes ver para comezar a Lenda de Eneas

I- As tres Mulleres de Eneas, unha longa viaxe DE TROIA A ROMA.

Eneas, Creúsa, Anquises e Iulo Ascanio fuxindo de Troia.
Suicidio de Dido, raíña de Cartago.


























AS MULLERES E ENEAS

1-      Con quen tivo ao seu fillo mortal Afrodita ?

2-      Na caída de Troia que pasou con Creúsa?

3-      Quen era Dido  e que relación ten con Eneas ?

4-      Cando Eneas chega a Italia, con que muller se encontra e que problemas ten que resolver ?

5-      Quen fundou e que foi Alba Longa?

6-      Por que Eneas no seu camiño dende Troia a Italia se encontra con tantas mulleres.... Por que lle pasa a cada unha algo (unha desaparecida a causa da sogra,  outra suicidase por amor ...) Cal é o  motivo? Que hai de estraño detrás de todo isto relacionado coa condición feminina?

Marte e Rea Silvia,
sacerdotisa de Vesta a deusa
do lume do fogar

II-
A nai de Rómulo e Remo, a descendencia de Eneas no Lacio.

1. Quen era Rea Silvia?

2. Por que Amulio quería matar a Rea Silvia?

3. Que é unha vestal?

4. Que fixo Marte con Rea Silvia?

5. Que pasou con Rea Silvia ao final?

6. Elixe a unha muller famosa da actualidade que se pareza a Rea Silvia, no sentido de que a pesar de que llo quitaron todo, ela conseguiu seguir adiante.


III- A loba que aleita a dous xemelgos e a fundación de Roma ao pé do río Tiber.



LUPERCA OU LUPA CAPITOLINA

1-      Como se chama a Loba que segundo a mitoloxía romana amamantou a Rómulo e Remo?

2-      Por que hai dúbida de que Lupa fose unha loba ou unha prostituta?

3-      Significado da palabra Roma segundo a orixe indoeuropea.

4-      Con quen fundou Rómulo o colexio “Frates Arvales”?

5-      Nome do pastor que salvou aos xemelgos.

6-      Dentro desta historia non che parece curioso que haxa dúas versións de historias “mulleres” pero cun mesmo fin? (o crecemento dos xemelgos).


IV-  O nome de Roma e do Río Tiber e os Etruscos. Serían eles os verdadeiros fundadores de Roma?

V- O rapto das Sabinas e Tarpeia.
O rapto das Sabinas
A traición de Tarpeia

As Sabinas no medio do exército dos exércitos.

1-        Rómulo e Remo  que farían por Numitor?

2-      Por que morreu Remo?

3-      Por que decidiron raptar as sabinas?

4-      Que fixeron as mulleres para acabar coa guerra?

5-      Todos coñecemos a Rómulo, pero non o nome da súa muller sabina, Hersila. Deberia ter a misma importancia? Por que?



VI- Que hai de certo en todos estes relatos míticos e lendas? Como foi o proceso de creación da cidade de Roma na realidade? 

1. Porque hai unha rocha co nome de Tarpeia? E por que se recoñece a Tarpeia como un elemento de traizón?

2. Quen gañou a batalla dos Curiacios e Horacios? E como gañou?

3. Cal foi o cumio sobre o que se fundou Roma?

4. Cres que é casualidade que haxa sete reis, sete cumios e sete xeracións de reis albanos? Por que é así?

5. Nomea os nomes e a súa orixe das tribos da Antiga Roma.


VII- Sete colinas, sete reis e unha muller. 

A violación de Lucrecia
A morte de Lucrecia que provoca unha revolta en Roma.

- LUCRECIA A MULLER QUE REMATOU COA MONARQUÍA ROMANA

 

1- Quen eran os Etruscos?

 

2- Que relación tiñan os Latinos e os Sabinos cos etruscos?

 

3- Quen era Lucrecia?

 

4-  Por que se quitou a vida? Como e ante quen o fai?

 

5- Que provocou a morte de Lucrecia? Que logo entre os romanos e os etruscos?

 

6- Que diferenza había entre Monarquía e República na antiga Roma?



martes, 15 de novembro de 2016

LATINISMOS E HELENISMOS

QUE HAI DE GREGO E DE LATÍN NAS LINGUAS QUE EU FALO?

O galego, como ben sabedes é unha lingua romance ou neolatina, filla do latín e o 80% do seu léxico ten esta orixe. Outro tanto lle ocorre as outras linguas irmás do galego: portugués, castelán, catalá, francés, italiano, romanés... somos consecuencia da Romanización e posterior Latinización dunha gran parte de Europa.

 No territorio que hoxe é Galicia falábanse diversas linguas que coa chegada dos romanos desaparecerán, aínda que parece que deixaron algunha pegada na lingua que falamos actualmente. Daquelas linguas prerromanas, anteriores aos romanos, só conservamos hoxe na península unha, o éuscaro, que, como seguro xa sabes, tampouco é indoeuropea.

Como outros idiomas o galego incorporou ademais palabras que non proceden do latín vulgar "vulgaris" ou común. Sabemos que na nosa península, e mesmo en Gallaecia, antes da chegada dos romanos había diversidade de linguas e estas inflúen dalgún xeito como linguas de substrato, primeiro no tipo de latín que se vai falar nestas terras e, máis tarde, na lingua romance. Despois da caída do Imperio Romano e da desintegración do mesmo influiría nas linguas romances resultantes a entrada dos pobos xermanos e tamén a dos árabes (linguas denominadas de superestrato), algo máis tarde, pero pouco antes de conformaren esas linguas distintas do latín na alta Idade Media.

O latín, en todo caso funciona coma un fondo caixón ao que acudimos cando precisamos unha nova palabra, un novo concepto. Vexamos un par de exemplos. A palabra coa que denominamos a un reprodurtor de imaxes en movemento foi bautizada no século XX como "video" que vén sendo a 1ª persoa do verbo ver en latín. Algo semellente ocorreu á hora de procurar un nome para os que navegan pola rede: "inter-nautas" un prefixo e un substantivo latinos. logo o latín a día de hoxe nos segue nutrindo de palabras e enriquecendo, non está tan morta como algúns a pintan e segue sendo esta magnífica chave coa que abrimos o mundo que é a lingua.

Por veces, ese labor de reelaboración de palabras vén da man do grego, especialmente nas terminoloxías científicas. Cómpre que nós, estudantes desta materia, recoñezamos que hai destas dúas grandes linguas de cultura e da Antigüidade Clásica nos idiomas que falamos habitualmente. Antes reparemos no proceso de transformacións das palabras.


AS PALABRAS PATRIMONIAIS.

as palabras de orixe latina entraron na nosa lingua en distintos momentos e de maneira diferente. Namentres o latín literario se mantivo como lingua de cultura de Occidente durante moitos séculos, ao mesmo tempo o denominado latín vulgar, lingua do pobo, ía transformándose e converténdose nas linguas románicas. na fase de xestación destas linguas neolatinas, transmitidas as palabras de oído e entre xentes sen coñecementos literarios foron evolucionando e asentando novas palabras populares ou patrimoniais de formas latinas como filium, noctem, pluviam pasaron a ser fillo, noite e chuvia.


CULTISMOS E PARES LÉXICOS

Unha vez consolidadas as linguas romances o latín clásico seguiría sendo usado nas escolas e clases cultivadas. Desta maneira cando unha persoa necesitaba un termo que non existía na lingua romance correspondente, tiraba do latín clásico para expresar ese concepto incorporando palabras denominadas cultas, palabras recentes que xa non van evolucionar ou evolucionan pouco con respecto aos étimos, ou palabras orixinarias, das que proceden: filial, nocturno, pluviómetro son palabras cultas ou cultismos. Este proceso de incorporación de cultismos ás linguas romances, que comezou aló polo século XIII na época de Afonso X o Sabio, non se detivo nunca e nos nosos días segue sendo unha fonte permanente de incorporación de novos vocablos. palabras como astronauta ou internauta, proceden daquel étimo latino "nauta" que significaba mariñeiro.

As lingua romances está logo cheas de pares léxicos, un fenómeno bastante frecuente, ao poder convivir unha palabra patrimonial e unha culta, esta máis erudita, que proceden dun mesmo étimo latino:

Étimo latino / patrimonial / culta
auriculam/      orella          auricular
calidum/         caldo           cálido
laborare/         labrar           laborar
strictum/         estreito        estricto
recitare/          rezar            recitar


SEMICULTISMOS
Os semicultismos son palabras que frearon a súa evolución por algunha causa e quedaron a medio camiño entre unha palabra patrimonial máis evolucionada e outra culta:
étimo latino   palabra culta /  semicultismo / patrimonial
plenum             pleno                preamar           cheo
regulam            regular             regra                rella

Logo o latín non é unha lingua morta, é unha lingua escrita, núcleo das linguas románicas, nas que pervive en determinados niveis.

LATINISMOS

 Na lingua aculta úsanse palabras e expresións enteiramente latinas: álbum, accesit, hábitat, etcétera, gratis, ipso facto, post data,  referendum...(Podes saber algo máis na páxina 15 do libro). 

Nas próximas entradas traballaremos as evolucións máis frecuentes e as distintas regras que podemos deducir das mesmas, despois de estudar as distintas etapas polas que pasou o latín, así como facer referencia a un importante grupo de latinismos que usamos. Abordaremos tamén os procesos de derivación e composición, pero antes quixeramos rematar a presente entrada cunha referencia ao nosos Helenismos, é dicir, as palabras gregas que existen na nosa lingua.


HELENISMOS


O grego clásico, o que falaban e escribían os gregos no século V a.C. foi considerada polos romanos a lingua de Cultura do seu Imperio ( que abarcaba gran parte de Europa) polo que foi deixando importantes pegadas tanto no latín como, a posteriori, nas linguas herdeiras do latín e, en xeral, nas linguas de occidente ao ser considerado un todo a cultura greco-latina. Ademais de formar parte dun conxunto de prefixos  e sufixos da nosa lingua (hiper-tensión/ dermat-ite), de formar parte dun rico conxunto de palabras compostas con algunha compoñente grega (antropónimo, homofobia) que tamén aboradaremos nunha próxima entrada en detalle, imos facer mención a continuación dunha serie de helenismos asociados ao campo das Ciencias que sufriron pouca ou ningunha modificación, tomadas directamente do grego ou creadas despois seguindo os mesmos procedementos para designar novas realidades científicas ou técnicas: telégrafo, teléfono, psicoanálise...

MATEMÁTICAS: Cálculo, cilindro, diagrama,diámetro, esfera, parábola, teorema,trigonometría, xeometría, triángulo, pentágono.

FÍSICA E QUÍMICA: Análise, antena, bioquímica, elástico, electrodo, electrón, física, hidróxeno, isobara,quilogramo, óxido, ozono, química, telégrafo, termómetro...

CIENCIAS NATUARAIS: Acéfalo, amígdala, anatomía, arácnido, bacteria, bioloxía, biosfera, clorofila, cromosoma. ecoloxía, ecosistema, epicentro, epidemia, epidermis, espeleoloxía, esperma, xeoloxía, metabolismo, microbio, neurona, parasito, protozoo, sísmico, tímpano, tórax, zooloxía...

FILOSOFÍA: Agnosticismo, antropoloxía, axioma, categoría, cosmos, cosmogonía, criterio, crítica, dialéctica, dilema, empirismo, ética, fenómeno, filosofía, herexía, idea, lóxica, metafísica, método, mito, politeismo, psicoloxía, síntese, socioloxía, teoloxía, teoría...

ARTE/ HISTORIA/XEOGRAFÍA: Ábside, ácrata, anarquía, aristocracia, autarquía, autonomía, bárbaro, basílica, burocracia, catedral, delta, democracia, demografía, estratexia, xenealoxía, xeografía, xerontocracia, híbrido, historia, horizonte, icona, istmo, meteoro, monarquía, monolito, museo, neolítico, paleolítico, pinacoteca, planeta, política, tetrarquía, tiranía, topografía, trirreme, zona,..

MEDICINA:  Aneurisma, cardioloxía, gastrite, hepático, odontoloxía, oftálmico, oncóxeno, otite, pedriatría, somático, xinecólogo, ...


Hai tamén palabras que se reproducen tal e como soaban en grego "eureka" (atopeino) para designar un descubrimento,  ou "panta rei" (todo flúe) para indicar un cambio.

CUESTIÓNS:

1- Define: Palabras patrimoniais, cultas e semicultismos. Que son os latinismos? Para sabelo podes usar o noso libro de texto como fonte de información. Ler o libro de texto nas páxinas 12, 13, 14 e 15 e realizar os exercicios que conteñen ditas páxinas.
2-  Que é un helenismo? Tamén no libro existe unha sección dedicada ao noso léxico derivado do grego en cada unidade. Imos comezar por traballar as actividades número 5-6-7-8 das páxinas 23 e 37 do noso libro.

sábado, 5 de novembro de 2016

DOS AMORES DE ZEUS E DOS DEUSES DO OLIMPO

A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión un tanto complexa que imos estudar e investigar á vez, agrupando os distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:

- Os amores de Zeus.
- A convulsa relación entre Zeus e Hera.
- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia.
- O Olimpo dos deuses.

OS AMORES DE ZEUS
Cando os irmáns e as irmás de Zeus foron liberados da bandullo de Cronos, estes fuxiron cara ao monte Olimpo considerando ao seu salvador dende ese momento pai dos deuses.
 Tras da derrota dos Titáns, Zeus, como pai dos deuses,compartiu o poder cos seus irmáns e, tras dun sorteo, os dominios dos mares foron para Poseidón e o mundo subterráneo foi concedido a Hades, quedándose coa superficie terrestre e os ceos o propio Zeus.  As deusas tiveron a encomenda de facilitar a vida aos mortais, por iso, Deméter sería deusa das colleitas e Hestia a do lume e o fogar. Como veremos máis adiante reservou un papel ben distinto para Hera, a máis nova das súas irmás, que permanecera durante a loita cos Titáns afastada das batallas a carón da Titánide Tetis  e  de Océano, o maior dos Titáns que foi neutral na Titanomaquia como o resto das Titánides.

Imos realizar un traballo persoal cos denominados amores de Zeus. Cada un dos alumnos/as da clase deberá tratar sobre os máis famosos amores de Zeus. Sabemos que Zeus, aínda que houbo un tempo en que se lle pasara pola cabeza ter relacions con Tetis, soubo o segredo de Prometeo e rexeitou casar con ela. 

Pero Zeus tivo numerosas aventuras amorosas con deidades e mortais:

Zeus e as Titánides:
- Xa coñecemos a relación con Metis da que nacerá Atenea.
- Temis (Moiras, Hespérides e Horas)
- Eurínome (As 3 Cárites ou Grazas)
- Mnemosine (as 9 Musas)
- Maia (Hermes)
- Letó (Ártemis e Apolo)

Zeus e as deusas olímpicas (as súas irmás):
- Deméter 
- Hera

 As relacións de Zeus con mortais:
- Io en Argos (Épafo)
- Sémele (Dionisio)
- Dánae (Perseo)
- Europa, (Minos, Sarpedón e Radamantis)
- Calixto (Arctos)
- Leda (Castor e Pólux / Helena e Clitemnestra).
- Ganímedes
- Alcmena (Heracles)

A CONVULSA RELACIÓN DE ZEUS CON HERA

Hera, filla de Cronos e de Rea, tras ser liberada do estómago do seu pai, dicíase que, durante a loita de Zeus contra os Titáns, fora criada polo seu tío o Titán neutral Océano e a titánide Tetis ata que casa con Zeus. Seica da promesa do casamento ata a propia voda pasou certo tempo. Hesíodo fala de Hera como a terceira muller.

Unha das cuestións máis complexas de explicar é a da súa descendencia, porque ademais dos fillos que tivo con Zeus. Algúns dos fillos desta parella nacen antes da súa voda, como por exemplo Hefesto, que hai quen afirma que non era fillo de Zeus, outros que si, que o fixo baixo a apariencia dun cuco. Outros despois Ares, Ilitía, Hebe e, tal vez, Éride (se esta non nacera da Noite como conta Hesíodo).

As frecuentes infidelidades de Zeus provocan os ciumes de Hera, que vai perseguir de forma implacable ás amantes do seu marido infiel e a súa descendencia. Un dos casos máis coñecidos desta persecución será a orixe dun dos seus símbolos, a transformación de Argos en pavo real. Zeus e Hera van ser un matrimonio mal avenido, con discusións permanentes. De aí que haxa varios momentos realmente tensos como no que hera organiza unha rebelión dos Olímpicos contra Zeus polo que vai ser severamente castigada. 




CURIOSEANDO NOS AMORES DE ZEUS (I)
1- Resume nun parágrafo cada unha das historias dos 16 amores de Zeus con deusas e con mortais.   
2-Procura saber e asociar as seguintes transformacións cunha das relacións de Zeus e algunha das mortais citadas máis arriba: Raio, chuvia dourada, touro branco, cisne, Anfitrión, aguia.
3-Por que ou para que Zeus se fai pasar por un cuco?
4- Hefesto era coxo de nacemento? Como se vinga da súa nai?
5-Onde se celebraron as vodas de Zeus e Hera?
6-Quen era Argos? Por que remata sendo un pavo real?
7-Cal é o símbolo que representa a Hera como deusa do matrimonio-fecundidade?

ATAQUES CONTRA O OLIMPO

Como se pode apreciar neste vídeo Zeus  e o propio Olimpo (que xa vimos), como símbolo da orde xusta das cousas no mundo tarda un tanto en estar asentado. Desde o Tártaro, é dicir, o antigo Caos, xorde unha loita en varias ocasións por volver atrás nun intento de arrebarlles aos deuses olímpicos o poder sobre o Cosmos. Mesmo as desputas internas entre Hera e Zeus provocan inestabilidade como acabamos de relatar. Hai dous momentos que son, de todos os xeitos, os máis destacados: A Xigantomaquia e a Tifonomaquia. 

A XIGANTOMAQUIA 
 Este relato non aparece en Hesíodo polo que resulta complexo situalo no relato ordenado da mitoloxía grega. Foi,  sen lugar a dubidas, despois da chegada da humanidade. Tras da Titanomaquia vai pasar un tempo impreciso ata que Xea, indignada pola sorte dos Titáns castigados no Tártaro e vixiados polos Ciclopes e Hecatonquiros por orde de Zeus, enxendre aos Xigantes, monstruosos seres fillos do sangue do Urano que este derramara sobre a Terra. Nacen para vingar aos Titáns. Pero os xigantes só serán derrotados grazas a un ser nacido de Zeus, produto dunha das súas relacións cunha mortal. Este heroe foi Heracles. 


A TIFONOMAQUIA
Hesíodo narra tamén un intento de Xea de vingar aos Titáns. Uníndose ao Tártaro enxendra un ser terrible. Os deuses asustados foxen do Olimpo e metarmofeándose, Zeus enfrontonse en solitario cos seus raios, pero Tifón inmobilizouno cos seus espirais, cortoulle os tendóns das mans e das pernas, encerrándoo nunha cova ata que Hermes logrou recompoñer ao seu pai que, recuperada a súa forza e cos seus raios persegue a Tifón ata que finalmente conseguirá derrotalo en Sicilia colocándolle enriba o Monte Etna do que dende entón brotan bocanadas de lume.  

Hai que dicir que sobre o nacemento de Tifón hai versións que aseguran fora enxendrado por Hera reunindo nunha soa as tensións que Zeus e o Olimpo sofre antes de permaneceren asentado para sempre.


OS DEUSES DO OLIMPO



Para rematar esta viaxe persoal ao Olimpo procura  realizar un teu cadro coa lista dos deuses cos seus dous nomes (grego e latino), os seus atributos e símbolos.