domingo, 19 de marzo de 2017

AS TRES ELECTRAS, a partir da de Sófocles (actividades de comprensión lectora)

Pretendemos con esta entrada poder abordar de xeito óptimo as actividades de comprensión e lectura que o libro de Electra de Sófocles inclúe a partir da páxina 19.

Comezamos coa aproximación ao mito da maldición dos Átridas, en especial, de Agamenón realizando unha árbore xenealóxica dende Atreo a Orestes para coñecer mellor a tráxica historia da linaxe que reinou en Micenas.



Unha primeira cuestión que provoca a lectura de Electra é: Cal é o concepto da Xustiza que se pode deducir da lectura desta obra? É unitario?

Evidentemente non pode ser unitario porque unha obra de teatro o que procura crear nos espectadores é un conflito e nesta obra haberá polo tanto e como mínimo dúas posturas ou opinións encontradas.

1. Os versos aos que nos remiten inicialmente 516-609 son os que aparecen no libro nas páxinas 45-50. Neste anaco da obra debes fixarte nas palabra se conceptos seguintes: xustiza, lei, bo ou malo dentro da defensa de cada personaxe e os puntos fundamentais da defensa de Clitemnestra e da de Electra.
2. A que desgraza fai referencia Electra?
3. Como se defende Clitemnestra das acusacións de Electra, que argumentos utiliza? Cales son, pola contra, cos que lle responde Electra? Cales son os máis verosímiles e lóxicos?
4. Por que cres que Electra está disposta a morrer con tal de levar a cabo a súa vinganza? omo calificarías esta accción? Cres lóxico que teña que repetir un crime familiar para vingar outro crime familiar?

Parece moi interesante e sobre todo necesario destacar como outro autor anterior a Sófocles chamado Esquilo tratando este mesmo tema  na súa triloxía de traxedias denominadas Agamenón, Coéforas( ou escravas que acompañan a Electra a ofrecer libacións á tumba de Agamenón) e As Euménides ( ou tamén coñecidas como Furias Erinias, divindades da vinganza por delitos de sangue que perseguen a Orestes ata Atenas) tamén aborda a cuestión da xustiza, lema do presente curso, dándolle un final ben distinto ao de Sófocles, e se se quere máis moderno e acorde coa Atenas democrática que se estaba construíndo. Podes consultar a visión da xustiza na obra As Euménides de Esquilo que de seguro che axudará a comprender o debate que quere plantear Sófocles.  Esquilo inicialmente contrapón o modelo da vinganza de sangue do dereito xentilicio a unha nova orde xurídica da concordia, a negociación e a reconciliación como un acordo logrado entre os homes, unha proposta coincidente co espíritu democrático que impera na Atenas do século V a. C.

Na obra de Sófocles incídese neste mesmo debate, a discusión acerca dos motivos que levan aos protagonistas a actuar  por vinganza, así parece renunciar a unha idea clara sobre como deben actuar os personaxes. Pero non, fixémonos a ironía tráxica que introduce Sófocles ao facer que Clitemnestra e Electra estean enfrontadas, pero defendendo á vez unha mesma idea da xustiza, a do ollo por ollo,


ANÁLISE DE PERSONAXES DOS TRES TRÁXICOS GREGOS

Diferenzas entre as obras de Sófocles e as de Esquilo e Eurípides a partir de personaxes como Clitemnestra e Electra.
Esquilo, o primeiro dos tres grandes mestres da verdade, entendeu perfectamente a funcionalidade do xénero teatral na creación de conflitos, se ben aínda non é quen de revelar eses conflitos plenamente no ámbito humano e outórgalle aos deuses un papel central nas súas tramas.
As obras de Sófocles afondan no aspecto máis humano dos personaxes, afastándose da idea de Esquilo na que as divindades teñen maior presenza, aínda que segue concedéndolle un valor substancial ao papel do destino. Algo do que se vai liberar, en gran medida, Eurípides.

Podes consultar as palabras da Clitemnestra de Esquilo: Na Orestíada de Esquilo  nas intervencións de Clitemnestra nas seguintes páxinas 43, 44 e 45 de Agamenón e 75 e 76 logo 81-84 das Coéforas e tamén a aparición, xa morte en Euménides páxinas 93-94.

Para o personaxe de Clitemnestra na Electra de Eurípides podes ler as sús intervencións nas páxinas 17 á 20, ademais traemos aquí un breve resumo da súa trama: Despois que Clitemnestra asasinase ao seu marido Agamenón, entrega a súa filla Electra a un labrego para evitar que teña descendencia nobre, pois se isto chegase a suceder seguramente reclamaría o seu dereito ao trono. Electra vive, no campo, casada co labrego, pero non mantén relacións con el. Isto  débese a que el é un home honrado e non cre ter o dereito  a unha muller de nobre berce. Orestes (irmán de Electra) chega á casa de Electra acompañado de Pílades. Electra non o recoñece e Orestes, sen darse a coñecer, trata de indagar se a súa irmá estaría disposta a vingar a morte do seu pai. Cando ao fin os irmáns se recoñecen, planean a vinganza sobre a súa nai e o novo marido desta: Existo. Unha vez ambos irmáns dan morte a súa nai, Clitemnestra, ambos teñen remorsos por  acabar coa vida de quen era a súa propia proxenitora. Ao final, Electra é obrigada a casar con Pílades. Orestes é desterrado e  sométeselle a un xuízo polo seu pecado.

É moi importante percibir que Sófocles retrata unha Electra oposta a Clitemnestra como manda o mito, pero á vez moi próximas a causa dunha arela que as une, o seu desexo de vinganza. A ilóxica defensa dunha vinganza que leva á nai e á filla ao odio antinatural. Isto pon en evidencia a fraqueza do argumento que ambas defenden, ese tradicional mandato de castigar un crime de sangue con outro crime.

Orestes, Electra e Crisótemis:
A Electra de Sófocles non parece dubitar en ningún momento do seu cometido marcado polo Destino. Emerxe un personaxe máis complexo que o homónimo de Esquilo. Ocupa en boa medida parte do papel que Esquilo lle concedeu a Orestes. Réstalle logo protagonismo ao personaxe masculino. Pero nin Electra, nin Orestes dubidan do seu cometido. O terceiro dos personaxes, Clisótemis, máis débil e maleable está pensado para contrapoñelo claramente á fortaleza de ánimo e a convición de Electra, A Electra de Sófocles resulta polo tanto un evidente síntoma da evolución do modelo dos protagonistas nas traxedias gregas, sendo Eurípides quen, en definitiva, atopa a fórmula máis coincidente coa dramaturxia actual, aínda que menos aplaudida nos seus tempos.

Fagamos un retrato escrito de Electra a partir do primeiro dos monólogos da obra de Sófocles.


Sófocles (496 a.C. - 406 a.C.) o autor por excelencia do século de Pericles.
Atenas no século V a. C. tras consultar o tema 3 dedicado a GRECIA e, en especial, as páxinas 40, 42 e 44 do libro de texto ou de clase de Cultura Clásica podedes establecer un marco temporal máis claro para a vida de Sófocles.

Atenas antes de chegar a ser unha democracia escravista pasou por outras etapas. Monarquía, Oligarquía ou gobernos aristocráticos como a Tiranía e, por fin. a Democracia. Para estudar esta evolución debemos coñecer as figuras de Solón e Clístenes no séculos VI a. C. e xa no século V a.C. a de Perícles.

Procura tamén unha definición dos seguintes termos:
Democracia:
Maxistrado:
Estratego:
Escravo:
Orchestra:
Liturxia:
Coro:
Traxedia:
Xusticia:

Para determinar cales son as súas innovacións na escena recomendamos reler a breve introdución do libro de lectura na que X. A. López Silva enumera algunha na páxina 14.

Logo procura algunha conclusión:
Por que cres que o legado literario grego é unha parte fundamental do noso patrimonio literario e cultural? Xustifca a resposta.

Tras do traballado sobre a Grecia Antiga e a traxedia, comenta aqueles aspectos sociais, políticos e culturais que máis te chamaran á atención tanto no texto como no que aprendiches.




Ningún comentario:

Publicar un comentario