mércores, 28 de setembro de 2022

PROXECTO ASPASIA (Pensamento Crítico. Unidade 0)

 


PENSAMENTO CRÍTICO: PROXECTO PERICLES E ASPASIA

       Trátase dun apartado práctico de investigación que promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na Unidade 0 introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto ao longo do curso que terá aproximadamente 12 temas.

       Versará sobre:  OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA

       Imos traballar sobre un exemplo práctico de dous contrarios en loita.


PARTES DO TRABALLO 

Son cinco apartados sobre os que temos que ir acumulando información para poder ter unha base de onde saian os argumentos que para o debate final imos necesitar.

       1.            O invento da democracia e a súa relación coa dialéctica e a filosofía. Filósofos gregos.

       2.            As contradicións da Democracia en Atenas.

       3.            Que sabemos de Aspasia en Atenas? Hetaira ou filósofa?

       4.            Que sabemos de Pericles? Político e amante.

       5.             As mulleres na Atenas Democrática (testemuñas), por exemplo, no teatro: Antígona,  Lisístrata,  Praxágora da Asemblea de mulleres, Medea, …

•      Despois de investigar e de reunir información chegará o momento de pasar ao debate: Conclusión: UN DEBATE:  Houbo unha rebeldía feminina na Atenas democrática?

       Para realizar o debate final deste proxecto  seguiremos o esquema da dialéctica (tése, antítese e síntese). Estaremos moi atentos aos contrarios, ás contradicións existentes e para iso temos que investigar sobre a Atenas da Democracia e sobre algunas das personalidades máis coñecidas, tamén as descoñecidas daquela cidade no século V a.C:

Vaiamos logo ao século V a. C. a coñecer a Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta fundamental a Oratoria na  Atenas do século V a. C.

- ATENAS E AS MULLERES

               Atenas presenta a día de hoxe unha imaxe impresionante por exemplo se miramos a acrópole con esa mármore branca do Partenón, o templo de Atenea e podemos pensar que ese era o aspecto que tiña na época da invención da democracia, pero a realidade era moi diferente:  O templo estaba pintado, era outra cousa.

           Tamén a concepción da igualdade  que existía entre os homes, era ben distinta á que se aplicaba para as mulleres Vivían practicamente encerradas nas súas casas e o rol que lles correspondía apartábaas da vida pública. Respondía ao papel de nais reprodutoras e de xestión da casa: tecido, comida, etc… De feito cando nacía unha muller na porta da casa colocábase un nobelo de lá, namentres que se era un home o que nacera o símbolo escollido era unha rama de oliveira. 


 ERA IGUAL O ROL FEMININO EN TODA A ANTIGA GRECIA?

       As mulleres en Esparta e outras cidades gregas de Asia Menor tiñan pola contra un estatus máis igualitario que en Atenas. Aínda que todas eran sociedades nos que seguían primando na muller a súa capacidade de ter fillos.

        Procurade saber algo da situación da muller en Esparta, en Lesbos ou en Mileto. 



       ESTABLECEMOS POIS UNHA TESE INICIAL:  Tivo que haber un movemento de rebeldía feminina na Atenas democrática.

       Asumimos este reto e argumentamos (algo esencial como son os razoamentos na dialéctica) a partir dun texto de Irene Vallejo, a escritora que no seu libro O infinito nun xunco (sobre a invención dos libros no mundo antigo) di:

      “Quero imaxinar que houbo en Atenas unha corrente de rebeldía feminina da cal non nos fala ningún autor grego e que non figura nos libros de historia. Para rastrexar as pegadas deste quimérico movemento esquecido atrevinme a mergullarme nos textos e ler entre liñas. Aínda que nunca saberemos con seguridade se existiu, a suposición sempre me atraeu. Isto que vou exponer é só unha hipótese, pero fascíname.

      As primeiras que se sublevarían serían as heteras, é dicir, prostitutas de luxo, as únicas mulleres verdadeiramente libres da Atenas clásica. Comparables nalgúns aspectos  ás gueixas xaponesas, ocupaban un lugar ambiguo dentro da escala social, marcadas polas vantaxes e os inconvenientes da súa mala reputación vivían á intemperie, pero mantíñanse independentes. A maioría delas eran gregas nadas en Asia Menor e, polo tanto, sen dereitos de cidadanía. Na súa terra natal recibirán unha educación musical e literaria que Atenas lles negaba ás súas fillas. Obrigadas a pagaren impostos coma os homes, podían coma eles administrar os seus propios bens. Tiñan acceso aos circuítos da política e da cultura a través dos seus amantes. Non estaban sometidas á presión que soportaban as esposas atenienses, aínda que en troco estaban dobremente excluídas (por estranxeiras e mais por putas).”

                                                                                                  cap. 65 páx. 173

CONSULTAR PARA COMEZAR A TRABALLAR NO PROXECTO:

Ver o vídeo e ir apuntando datos que nos interesen para preparar o debate. Ir agrupando os datos en cada un dos títulos do esquema:

1- Dialéctica, filósofos e Democracia 

2- As contradiccións da Democracia en Atenas

3- Aspasia, filósofa ou hetera? 

4- Pericles, político e amante.

5- As mulleres na Atenas democrática

 

Comecemos con este vídeo básico: 


  Logo debes ampliar con tres documentos, escoitándoos ou lendos con  Un podcast e dous artigos cuxos enlaces están máis abaixo.



 Pequena reportaxe sobre Pericles

                Aspasia e Xantipa: as máis criticadas

OUTRAS FONTES E DÚBIDAS POSIBLES

 Seguramente habera neste proceso de investigación dúbidas e novas fontes para atopar datos que poden ser interesantes para o debate. Iremos tomando nota tamén tanto das dúbidas e das outras fontes de información para consultar co profesor e contrastar estas posibles novas vías de pescuda e recolleita de referencias válidas. 

Finalmente podedes consultar (quen queira facelo) o seguinte vídeo máis extenso no que Irene Vallejo nos fala de Aspasia: 


MODELO PARA VER COMO REALIZAR O TRABALLO 

Imos facer unha pequena proba ou modelo de como traballaremos. 

Partimos dunha tesePERICLES Un escandaloso líder de Atenas (sobre textos de Irene Vallejo) 

      “Pericles estaba casado cunha muller “apropiada á súa linaxe, nai dos seus dous fillos. Pero a convivencia era difícil e el rompeu o seu matrimonio para se unir con Aspasia, unha hetera nada en Asia Menor. Case cinco séculos máis tarde, o historiador Plutarco transcribe unha chea de insultos contra a subversiva primeira dama ateniense tomados de textos da época, nos cales é tachada de impúdica, concubina con cara de cadela e muller de bordel, entre outras lindezas.

       Durante a maior parte da nosa historia, o matrimonio foi ante todo unha institución económica, unha fusión de intereses compartidos. Para os políticos gregos, mesmo na democracia, as vodas selaban alianzas entre grandes familias que mantiñan ben amarradas as rendas do Goberno. E os casamentos desfacíanse por motivos mercantís ou estratéxicos, cando había outro clan máis puxante con que emparentar. Pericles, en cambio, escolleu a Aspasia –unha estranxeira con mala reputación e sen pedigree- por un motivo absoluntamente ridículo: o amor. Plutarco di que os cidadáns contemplaban pampos como “ao volver da ágora, cada día a abrazaba e a bicaba docemente”

   Cuestión: Que queren dicir as expresións en negriña? REPARAR NA IRONÍA do texto.

Logo procuramos unha antíteseASPASIA, mestra de filosofía e oratoria

      O que non dicían os díxomes era que a intelixencia de Aspasia axudou a Pericles na súa carreira política. Sabemos pouco dela porque a súa figura chegou envolta en incógnitas e maledicencia, pero ostextos dan a entender que era unha auténtica oradora na sombra. Sócrates visitábaa cos seus discípulos e gozaba da súa brillante conversa; mesmo chegou a chamarlle “mestra”.

                Segundo Platón, escribiu discursos para o seu home; entre eles, o famoso discurso fúnebre en               que  defendía apaixonadamente a democracia. Mesmo na actualidade, os escritores dos                         discursos  presidenciais de Obama, e antes os de Kennedy, téñense inspirado nas palabras que             probablemente  enfiara Aspasia. Porén ela non aparece na historia da literatura. Os seus                      escritos perdéronse ou foron atribuídos a outros. 
                                                                                                                                (texto de Irene Vallejo)

 Cuestión: Observa como a visión dos acontecementos cobra unha nova dimensión tras a lectura do texto anterior. Redacta e argumenta esa antítese.

Saquemos finalmente unha síntese do que razoamos: Sobre as relacións de PERICLES E ASPASIA:

  “…unha escandalosa  inmoralidade. Podemos imaxinar os cidadáns atenienses rosmando e ríndose das perversións do seu líder. Se estar namorado da muller xa era estúpido abondo, demostralo en público lindaba coa obscenidade. Moitos pensaban que corrían malos tempos e lembraban con nostalxia un pasado máis san. Aquel século V a. C. en Atenas, dourado para nós, parecíalles unha época escura de contubernio, mestizaxe e desenfreo.” 
                                                                                                         (texto de Irene Vallejo)

 Cuestión: Este texto provoca unha conclusión ou síntese. Proba a redactar ti a túa propia síntese apoiándote nestes textos e o que xa sabemos de Aspasia e de Pericles.  

COMO PODEMOS SABER DA INFLUENCIA DE ASPASIA? 

A DEMOCRACIA, AS MULLERES E O TEATRO NA ATENAS DO SÉCULO V a. C:

Non hai dúbida dos contactos de Aspasia con determinados círculos de poder de Atenas (Pericles era o arconte ou xefe de goberno), polo menos cunha parte ou quizás algo semellante a un colectivo de homes democrático máis progresista, porque había, sen lugar a dúbidas tamén, un sector reaccionario, contrario e inimigos  destas “aperturas”.   Desta situación que se produce nun período de máis de 15 anos, ata a morte de Pericles 429 a.C. dinos Irene Vallejo:

É un misterio  como utilizou (Aspasia)  esa posición de inesperado protagonismo. Pero nese período sucede algo sen precedentes: os textos dos tráxicos, dos cómicos e dos filósofos comezan a discutir - ou ridiculizar- a extravagante idea da emancipación feminina, unha cuestión que antes desa época non mencionara grego ningún. Nestas décadas fulgurantes falou desde os escenarios Antígona, a moza que ousa desafiar ela soa a lei inxusta dun tirano en nome dos principios humanitarios, e Lisístrata, que en plena guerra ten a fantástica ocorrencia de se aliar coas mulleres do bando inimigo para organizar unha folga sexual conxunta ata que se asine a paz, e Praxágora, que, á fronte dun grupo de veciñas atenienses, suplanta os homes na asamblea e cos votos femininos instaura un réxime comunista e igualitario, e a rebelde estranxeira Medea.

       Ninguén chega máis lonxe ca a Medea de Eurípides. Imaxino o público de homes que enchería o teatro na mañá da primeira representación, no ano 431 a. C. Cos ollos fixos no escenario, engaiolados polo magnetismo do medo, contemplaron como unha muller agraviada e vingativa desencadeaba o horror máis absoluto. Viron o innomeable: unha nai asasinando os seus fillos coas propias mans para ferir o marido que a abandonaba e a condenaba ao exilio. Escoitaron palabras absolutamente novas. Medea falou en voz alta, por primeira vez, da furia e da anguria que aniñaba nos fogares atenienses:

Nosoutras as mulleres  somos o ser máis desgraciado. Empezamos por ter que mercar un esposo con dispendio de riquezas e tomar un amo do noso corpo, e este é o peor dos males. Separarse do marido é escandaloso para as mulleres, non para os varóns. Cando eles se aburren na casa, saen a distraerse. Non obstante, se facemos o mesmo, non nos deixan saír dicindo que hai que coidar os fillos. Aseguran que, permanecendo na casa, as mulleres evitamos perigos, mentres que o home, pobriño, ha de ir baterse á guerra.”

Medea, en conflito co seu encerro e coa súa maternidade, acaba dicindo que preferiría librar tres guerras antes ca parir unha vez soa.

       As mulleres do coro de Medea van abandonando a súa actitude modesta e atemorizada. Unha delas atrévese a dicir que as mulleres non deben quedar excluídas da filosofía, da política, dos razoamentos sutís e dos debates: “nós tamén posuímos unha musa que nos acompaña en busca de sabedoría”.

 Cuestións: Fagámonos preguntas

       Serían  Antígona, Lisístrata, Praxágora e Medea realmente froito dalgún xeito de mulleres reais da Atenas daquel tempo como Aspasia?

       Procura saber quen foron buscando información sobre:

 -   Lastenia de Mantinea e Axiotea de Fliúnte.

  -  Leoncia

  -  Hiparquia de Maronea

Para visualizar un exemplo nunha versión moderna das comedias de Aristófanes, Asemblea das mulleres: Repara no papel de Praxágora. 



sábado, 3 de setembro de 2022

QUE É A ORATORIA?

Aspasia e Pericles
 

No curso 2022/23 este blog será o blog da ORATORIA...Foi esta unha disciplina na que os gregos e romanos eran verdadeiros expertos, unha arte que co paso do tempo non todos os sistemas educativos foron quen de seguir cultivando como instrumento fundamental construtor do espírito crítico.

 Pero que é iso da Oratoria?

Cando dis de alguén:  Que ben fala!  seguramente queres dicir que cando se expresa esa persoa faino con claridade, beleza e convicción, ademais de con elocuencia porque co seu discurso é capaz de emocionarte e mesmo de convercer.  Logo esa persoa dominará  a retórica e a oratoria.

UNHA PRIMEIRA DEFINICIÓN DE ORATORIA 

ORATORIA: É a arte de falar e escribir con elocuencia, o que vén sendo, comunicarse de xeito agradable, conmovendo e persuadindo. 

RETÓRICA: Son as regras, técnicas e recursos que nos permiten dominar a Oratoria, chegar a ser elocuentes.

UNIDADE CERO:  DA DIALÉCTICA FILOSÓFICA Á ORATORIA

A Oratoria como xénero literario e como arte da elocuencia e da persuasión é unha materia que nace en Grecia e que logo Roma desenvolve para estenderse con posterioridade por Europa e confluír con outras tradicións culturais antes de asentarse como un recurso vital para as sociedades modernas de todo o mundo. 

 Estamos falando da comunicación. A reflexión e coñecementos acerca da comunicación como recurso esencial da Humanidade coas especificidades e complexidades que os seres humanos presentamos, faise pois un labor transcendental para unha educación integral. 

 Para comezar imos viaxar á Grecia Clásica onde naceu a Oratoria e deternos, en particular, na Atenas do século V a.C. porque alí podemos dicir que dá os seus primeiros pasos tanto como xénero literario, ou simplemente como a arte de persuadir a través da palabra.

Antes de proseguir deberemos reparar precisamente noutro concepto intimamente relacionado coa Oratoria, pero que llo debemos aos filósofos o concepto  da Dialéctica ou a arte de dialogar.  Para que haxa comunicación debemos establecer un diálogo co outro, de aí que a dialéctica sexa en boa medida o punto de partida á hora de nos comunicar.

Etimoloxía da palabra Dialéctica

Dialéctica vén da unión dunha preposición grega διά (diá): "a través de" e do verbo λέγω (lego): "discutir, conversar, razoar, pensar".

 Significará algo así  "método para pensar a través do razoamento"discutir en movemento, é dicir, discusión ou tensión sobre dous opostos.  Así establecer un diá-logo é pois comezar unha conversación entre dúas ou máis persoas. 

No dicionario adoita dar dúas acepcións:

1. Teoría e técnica retórica de dialogar e discutir para descubrir a verdade mediante a exposición e confrontación de razoamentos e argumentacións contrarios entre si.

2.  Conxunto de razoamentos e argumentacións dun discurso ou unha discusión e modo de ordenalos.

dialéctica é a arte de debater e razoar ideas diferentes. Nun discurso, a dialéctica consiste en presentar unha idea principal ou concepto, denominado tese, ao cal se lle contrapoñen diferentes argumentos e ideas, coñecidas como antítese dano como resultado  a síntese

CUESTIÓNS: 


1- Cal é a definición de dialéctica que nos dá Maite Larrauri.

2- Ten que ver coa palabra diálogo, xustifica esa relación.

3- Cal é son os pasos a seguir neste método ou técnica?

4- Platón non quería que se ensinase ao rapaces coma vós, por que?

5- Por que cres que a arma da dialéctica é diferente a dialéctica das armas?

6- Tería razón Platón na súa teima de que os mozos non soubesen da dialéctica ata chegar aos 35 anos? Argumentamos seguindo o pasos da dialéctica establecendo dous grupos na aula.

7- Como explicas a loita de clases ou o gran paso da dialéctica do discurso á dialéctica da realidade? Quen o levou a cabo?



O nacemento da dialéctica

Como xa dixemos foron os filósofos gregos os que definiron a dialéctica.  Aínda que os grandes filósofos, como Platón e Aristóteles, a usaron, precisamente este último foi o primeiro en indicar a Zenón de Elea como «o inventor da dialéctica». Por dialéctica Aristóteles entendía «a técnica de debater», a fin de descualificar argumentos.

Este era un método habitualmente empregado polos pensadores presocráticos procedentes das cidades gregas de Asia Menor nas que xurdira a filosofía no século VI a. C. a partir dunha reflexión racional sobre a natureza.  Por vez primeira na boca destes filósofos se libera o logos (o razoamento) do mito (explicación non científica).  Poñamos o exemplo de Heráclito.

Heráclito de Éfeso enunciou o principio de que todo cambia, nada permanece.  O Πάντα ῥεῖ (pánta rei) ou, o que é o mesmo, "todo flúe", exemplifícao dicindo que ninguén pode bañarse dúas veces nun mesmo río, porque aínda que aparentemente o río é o mesmo, os seus elementos, a súa canle, a auga que corre por el, cambiaron. O cambio é a constante da vida xa que esta representa unha constante transformación.

ποταμοῖς τοῖς αὐτοῖς ἐμβαίνομεν τε καὶ οὐκ ἐμβαίνομεν, εἶμεν τε καὶ οὐκ εἶμεν τε.

Nos mesmos ríos entramos e non entramos, [pois] somos e non somos [os mesmos].

 

 Orixinariamente  a dialéctica designaba un método de conversación ou argumentación análogo ao que actualmente se chama lóxica. 

No século XVIII o termo adquiriu un novo significado: a teoría dos contrapostos nas cousas ou nos conceptos, así como a detección e superación destes contrapostos. Aséntase como unha teoría do coñecemento da realidade xa que a dialéctica considera que todos os fenómenos están suxeitos a perpetuo movemento e cambio, ou que o desenvolvemento da Natureza é o resultado da loita das súas contradicións. Os filósofos da antiga Grecia, segundo a expresión de Engels, eran dialécticos innato

       Cuestións: Escoita “Todo se transforma” de Jorge Drexler

1-Tras escoitar o audio deste video clip, tenta explicar cal é a relación que esta canción ten coa dialéctica.

2-Con cal das dialécticas (a grega ou antiga ou a moderna) a relacionarías?  Argumenta a resposta.  


A DIALÉCTICA NA INVENCIÓN DA DEMOCRACIA

 O salto da reflexión filosófica e científica ao debate político deuse tamén naquel momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou aquela teoría filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a isonomía”, unha igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de todos os cidadáns, fundamento da democracia.  Enfrontouse e derrotou así  á “timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en función da riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia).

Atenas é unha cidade cun magnífico porto (O Pireo) que explica que fose unha cidade de navegantes e mercaderes. Ao principio estaba gobernada por un rei (monarquía), pero axiña os nobres constituíronse nunha oligarquía (goberno dos poucos) que serán os gobernantes en función da súa linaxe e riqueza. O pobo non tardou en queixarse de que esta oligarquía era inxusta á hora de gobernar porque non había leis escritas ás que responder. Foi por iso que Dracón, un nobre aristócrata redactou as primeiras leis da cidade favorables aos intereses dos oligarcas. Eran crueis e inhumanas , polo que aínda que foron un avance  non tardaron en xurdir novas leis ante a desesperación das capas mái spobres dos cidadáns atenienses. Foi Solón o que realizou un novo código de leis no 594 a. C. Algo que non gustou ás familias de nobres a pesar de que estas leis seguían primando ao s maís ricos sobre os máis pobres. A nobreza impuxo entón unha especie de novo rei, denominado tirano. Chamábase Pisístrato e gobernou ata a súa morte, pero os seus sucesores non puideron manter por máis tempo unha situación de desigualdade e inxustiza evidente polo que o pobo logrou colocar no poder ao seu líder, Clístenes, que se considera o impulsor dun novo sistema político, a democracia, no que todos os cidadáns de Atenas pobres ou  ricos podían ocupar calquera cargo público ao ser iguais ante a lei.  

 Sabemos que aquela democracia, na democracia ateniense que se asentou ao longo do século V a. C. non era perfecta. Só era igualitaria para os cidadáns varóns, libres e nativos de Atenas, ou o que é o mesmo, quedaban excluídos do debate político todas as mulleres, ademais dos estranxeiros e os escravos.  Pero debemos chamar a atención sobre un feito que en moitas ocasións non se declara. Foi neste tempo e nesta polis grega onde achamos tamén un pensamento crítico e un movemento rebelde contrario a inxusta exclusión da muller e dos estranxeiros. Unha herdanza esta última digna de mención ao mesmo nivel que as anteriores.


PENSAMENTO CRÍTICO: PERICLES E ASPASIA

       Trátase dun apartado práctico de investigación que promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na Unidade cero introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto ao longo do curso que terá aproximadamente 12 temas.

       Versará sobre:  OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA

       Imos traballar sobre un exemplo práctico de dous contrarios en loita.

Vaiamos de novo ao século V a. C. a coñecer a Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta fundamental na  Atenas do século V a. C. a Oratoria.