Empezamos o curso de Cultura Clásica como Pandora, abrindo a caixa con curiosidade. Que atoparemos dentro? |
O lema do presente curso xira arredor da esperanza. Disque a esperanza foi un agasallo moi especial dos deuses para o ser humano. Esa idea de esperar, de observar a vida (e o que aínda non foi) con esperanza. Non deixa de ser unha actitude e unha reflexión ante esa pregunta universal: Que será de nós?
CULTURA
Se facemos caso a un dito que se lle atribúe a Castelao "un pobo sen pasado non ten futuro", a esperanza debe alimentarse e non pode prescindir do pasado. O ser humano dende moi antigo vén analizando o seu pasado para acometer o futuro. Desa análise da historia na procura de respostas e fórmulas válidas para a sociedade nace a cultura(s). Fomos caendo na conta e sendo conscientes da diversidade de respostas do xénero humano ante a Natureza que nos rodea cada sociedade con cadansúa cultura (fórmulas de relacionarse coa Natureza). Mais toda cultura baséase en determinados modelos.
CLÁSICA
Na procura da esencia, dos recursos, do pasado de cada cultura, nesa relación co mundo natural ou coas restantes formas de entender o mundo, cada sociedade desenvolve unha serie de modelos que podemos cualificar como clásicos. A Cultura Clásica para Europa occidental logo será un conxunto de modelos que serviron e serven de base para encher ese concepto abstracto que define a Europa actual.
A CULTURA CLÁSICA
A Cultura Clásica é unha materia que nos invita a saber quen somos e reflexionar sobre que seremos tomando como punto de partida o mundo grecoromano, tradicionalmente entendido como base da cultura occidental. Grecia e Roma son referentes inevitables do noso pasado suficientemente complexos como para provocar/ xustificar/ precisar a súa presenza nunha educación integral na Secundaria. Saber que herdamos dos gregos e dos romanos, pero tamén como interaccionan con outros mundos, como, por exemplo, o Atlántico. Por que o mundo Atlántico? Porque somos galegos e estamos dende tempos remotos expostos a unha continua dialéctica/ comunicación/ a toda unha serie de contactos entre culturas diversas e as culturas mediterráneas e atlánticas teñen moito que dicir sobre o noso pasado, sobre o pasado do Noroeste Galaico.
A ESPERANZA: UNHA REFLEXIÓN GLOBAL, UNHA SEMENTE
Nesta viaxe pola Cultura Clásica debemos entender que estamos a responder qué será de nós. Abordaremos diversas facetas do saber sobre as linguas, a historia, a mitoloxía...
As linguas son un dos asentamentos básicos da cultura, as que constrúen sobre a terra, facendo que a paisaxe sexa territorio ao nomealo, as que definen cambios tan subtanciais como o paso da Prehistoria (fala) á Historia (escrita). Un dos métodos para viaxar ao pasado, á Antigüidade, é a Arqueoloxía que atopa nos restos materiais que se conservan daqueles tempos remotos. E a mitoloxía, que é a lingua resolvendo misterios, aquela experiencia de coñecemento que naceu antes da filosofía e da ciencia, é un medio de aprendizaxe que nos leva aos tempos en que o ser humano, condicionado por un espazo natural concreto, comeza a definirse como tal. Vén sendo, logo, outro piar básico, o asentamento espiritual da cultura, de feito a Mitoloxía está moi ligada á Relixión como veremos.
Distintos deuses na creación de Pandora. |
SPES, ULTIMA DEA
A deusa da Esperanza: Elpis (en grego)/ Spes (en latín): unha deusa que aínda que non semella ser a mesma en Grecia que en Roma, era representada como unha muller nova que ten na man unha flor ou a cornucopia, símbolos da próxima primavera a pruimeira e, a outra, da abundancia, é dicir, do futuro proveitoso que ha chegar.
Os romanos dicían "spes, ultima dea" a esperanza é a última deusa, de onde sae o dito actual: a esperanza é o último que se perde.
Moeda romana coa representación da dea Spes |
CUESTIONARIO
1- Tema ou lema sobre o que xira este curso.
2-Como interpretas ti a frase que se lle atribúe a Castelao?
3- Que é a Cultura Clásica?
4- Por que cres que a estudamos?
5- É a esperanza unha semente do futuro? Argumenta a resposta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario