domingo, 29 de setembro de 2024

COSMOGONÍA

 

CAOS E COSMOS: Xea e Urano.

COSMOGONÍA (II): Cronos e Rea. Titánides e Titáns 

TITANOMAQUIA

Zeus

DEUSES E MORTAIS


1º TRABALLO DO CURSO. 

Sorteamos deuses/as para realizar o primeiro traballo do curso cun deus como referente. O traballo consiste en:

- Información sobre a divindade. Estruturar a información.

- Redacción escrita e ilustrada (formato dixital en power point) máximo 20 diapositivas.

- Exposición na aula no 1º trimentre. (duración aproximada 15 minutos). Non se pode ler.

domingo, 22 de setembro de 2024

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA E ACHEGAMENTO AO MITO




 "Unha persoa é culta cando é capaz de escoitar ao outro e

  ás voces da natureza da que forma parte" Eduardo Galeano


Somos cultos ao integrar no eu ao outro e á natureza na que vivimos e da que nos alimentamos como persoas. Logo esta cuestión do ser implica unha comuñón co espazo e coa comunidade na que nacemos. Cal é o espazo da Cultura Clásica? Poderiamos pensar que Grecia e Roma, pero non, o espazo é maior. É toda Europa e tamén aquel lugar do Mediterráneo oriental onde naceu a princesa que deu nome ao continente. Imos comezar logo por debuxar ese espazo para achegarmos ao mundo antigo para logo introducirnos nunha das creacións máis orixinais e impactantes dos gregos: O mito. 

ACTIVIDADE: O primeiro exercicio que propoñemos é debuxar a Europa que coñecemos incluíndo o mar Mediterráneo coas súas penínsulas: Ibérica, Itálica, Grega, Turquía... poñamos un interese especial na zona oriental deste das terras que bañan este mar.   

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA

QUE VÉN SENDO UN MITO?

martes, 10 de setembro de 2024

UNIDADE CERO: SER E FLUÍR: In mare nostra fortuna

      

Quen non se detivo fronte a unha vista como esta a reflexionar?

Un pensador grego en Éfeso (a actual Turquía) chamado Heráclito deixou enunciada esta sentencia filosófica: Todo flúe, nada permanece. Evidenciou o constante cambio ao que está sometida a natureza, mesmo os seres humanos, pois el dicía tamén: "Ningunha persoa se pode bañar dúas veces no mesmo río, porque o río non é o mesmo, nin a persoa tampouco".  
 

Vivimos nunha ría un lugar moi especial porque parece ser ese punto de encontro entre dúas naturezas ben distintas: a terra e o mar. A terra e o mar son elementos naturais cambiantes que nos vertebran polo tanto son parte de nós mesmos. Realidades coas que convivimos e das que precisamos, logo son realidades que determinan a nosa personalidade, condicionan e definen o noso ser. Se queremos establecer unha metáfora coa nosa existencia, a ría volve a lembrarnos co seu fluír constante, coas súas marés cambiantes aqueles versos: 

 Nuestras vidas son los ríos

que va a dar a la mar que es el morir...

                                            Coplas a la muerte de su padre, de Jorge Manrique


E agora subindo, e agora baixando,

 unhas veces con luz e outras a cegas,

cumprimos os nosos días e chegamos

máis tarde ou  máis cedo á ribeira. 

                                             Rosalía de Castro

Estes versos lévannos a un tópico literario co que comezar o curso...cal será? 

Por outra banda, Marín ten no seu escudo unha lenda ben curiosa: NOSTRA  IN MARE  FORTUNA.

Que quererá dicir este lema do noso escudo?

Coñeces algún tópico relacionado coa palabra Fortuna? Se non te lembras podes axudarte cos seguintes versos escritos en latín da época medieval:

O Fortuna

velut luna

statu variabilis,

semper crescis

aut decrescis;


 Imos rematar cunha reflexión sobre o ser e a Cultura Clásica que hoxe comezas a estudar. 
 O pasado é o espello do ser e no pasado temos que atoparnos se queremos vivir no presente e mesmo se desexamos construírmos o futuro.

Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas. 

CULTURA polo tanto será o que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade, o mundo da Antiga Grecia (hai 2500 anos). 

 A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época.  A visión da escultura, os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son máis que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular. 

Como seguramente observaches na foto inicial hai unha estatua dun home nú. O espido é unha forma de ser para os gregos.  Os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, para interpelala axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos.

                         

A seguir reproducimos as palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na antiguidade clásica:

 

" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia, cre no non cuberto, no non oculto, procra o ser non cuberto, espido.

Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis, o grago cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, pra o exipcio, par ao Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. ë neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.

A este mundo en que está o grego chama  kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa qu emundo ordenado e fermoso.

Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que éa íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.

O corpo humano paa o artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se manifesta, emerxe e brilla. é ser, estar , aparecer... Deste xeito no corpo humano o artista grego le a orde do mundo onde está...."

      Estamos totalmente de acordo coa apreciación que fixo no seu día a estudosa portuguesa Sophia de Mello: "Nunca mais escaparemos a esses gregos."

Concluímos logo esta primeira aula dando grazas a Grecia polo que nos deu: 


ACTIVIDADE: Tras ver o vídeo.

1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica.

2- Sabes polos que temos que dar as grazas. Como se di "Grazas" en grego:

3-  Un deses motivos de agradecemento é a  causa das letras. Foron os gregos os que nos legaron o alfabeto. Aprendemos o alfabeto grego ? 


4-  Informate no seguinte enlace e explica como se produciu:  O marabilloso invento das letras