A CAÍDA DO
IMPERIO ROMANO
Tradicionalmente
o Imperio divídese en dous períodos: o Principado e o Dominado. Princeps,
significa o primeiro ou principal, iso é o que era o emperador, o principal
cidadán de Roma. É o nome que se designa ao goberno de Octavio Augusto e os
emperadores que o sucederon, unha etapa de asentamento das conquistas namentres
o Senado vai perdendo atribucións. Nun primeiro momento a sucesión será
dinástica, é dicir, dentro da mesma familia, pero a partir do 96 d.C. pasará a
ser por adopción.
Tras o Principado
xorde o Dominado. Comeza na época do emperador Diocleciano, e Dominado (que
vén de dominus, é dicir, o emperador considerado o "señor, o dono"
dos seus súbditos) significará a orientalización do Imperio. Os problemas nas
fronteiras comezan a dar serios problemas sobre todo polo empuxe dos pobos
xermánicos e Diocleciano decide dividir en dous o territorio (Oriente e
Occidente) cun emperador en cada parte que a súa vez escollería un axudante
(era a Tetrarquía 284-305 d.C.) O sistema non funcionou moi ben porque volveuse
a unir todo o imperio con Constantino, emperador coñecido tamén por desprazar a
capital de Roma a Constantinopla (cidade de Constantino ubicada na antiga
Bizancio) e por proclamar a liberdade de cultos no 313, unha reforma relixiosa
que puxo punto final da persecución do cristianismo, unha relixión que cada vez
ía tendo maior aceptación entre as clases altas de Roma. Foi o seu sucesor
Teodosio que implantou como oficial o cristianismo. Á morte deste emperador
divídese o imperio definitivamente en dous territorios(Oriente e Occidente).
Causas internas e
externas son as que se esgrimen á hora de explicar porque se foi abaixo o
Imperio que nacera despois das guerras civís ocasionadas á morte de César e que
remataron tras proclamarse Octavio Augusto imperator no ano 27 a. C. O imperio
dende o século III d. C. sufrirá unha serie de crises que irán debilitando a
súa coherencia. As guerras de conquista con Adriano finalizaron e ao complexo
entramado militar de Roma só lle quedaba defender as súas bastas fronteiras,
especialmente as centroeuropeas da presión dos denominados pobos bárbaros e
procurar que non provocasen disturbios os milleiros de escravos, alí onde
estaban concentrados en maior número (os latifundios do sur de Hispania ou de
Italia).
As vías romanas
que se estendían por todo o imperio, así como os campamentos e as lexións
distribuídas estratexicamente non permanecerán sempre iguais. Precisamente por
ser o Imperio un amplo territorio que administrar e vixiar houbo que desprazar
cada vez máis tropas cara o Norte, onde a os problemas cos pobos bárbaros eran
continuos, descoidando os latifundios do Sur onde os escravos facían das súas
ou ben eran liberados porque os amos, xa fose por influencia do cristianismo ou
por evitar problemas, preferían darlles a liberdade e ofrecerlles terras para
cultivar a cambio dunha parte da colleita (un sistema de producción que
preludia a Idade Media. Outros feitos son tamén un anuncio destes novos tempos:
o emperador considérase autoridade relixiosa).
Os Hunos capitaneados
por Atila empézanse a mover cara ao Occidente atraídos pola riqueza de Roma. Pero
serían os godos de Alarico os primeiros en asaltar Roma no ano 410 axudados por
40000 escravos que lle abriron as portas da cidade. A mediados do século V gran
parte do Imperio xa estaba nas mans dos bárbaros, e foi un xefe xermano
Odoacro, quen depuxo ao derradeiro emperador Rómulo Augústulo, un mozo de tan
só trece anos, era o ano 476 d. C.
Ás causas
externas, a presión das tribos bárbaras que se introduciran en algunha ocasión
como aliadas para controlar a outros pobos inimigos e logo pasan a ocupar ou
comprar territorios (como é o caso do pobo xermano dos Suevos que se instalaron
na Gallaecia, unha provincia romana ata que foi vendida polo emperador momento
no que se consolidará o primeiro reino medieval Europeo) temos que engadirlle
pois a manumisión dos escravos por motivos relixiosos, a falta de control sobre
os que aínda o seguían sendo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario