As Erinias ou Furias da mitoloxía sofren unha curiosa
evolución grazas á reinvención do mito que Esquilo introduce na súa obra
"As Euménides", a terceira das traxedias da Orestíada que segundo
parece se representaron en 458 a.C.

As Erinias para Hesíodo naceron das pingas de sangue que
caeran sobre Gaia (a Terra) no episodio coñecido da castración de Urano. Serían
tres irmás que residen coa Noite no Érebo ou noTártaro dende onde se dirixen á
Terra para cumprir o seu cometido. Son deusas que vingan un asasinato, torturando ao seu
causante e provocando nas súas vítimas a tolería. Son deusas antigas ás que
deuses novos como Zeus deben obedecer. O seu aspecto produce pavor, de cor
negra, cabelos mesturados con serpes e na man levan antorchas ou látigos que
poden ser tamén serpes, son comparadas con cadelas (en ocasións representadas
con cabeza de can) porque producen un gruñido ao poñerse a perseguir aos humanos
que cometeron un homicidio, esa é a súa principal función.


Para o filósofo Epiménides, un filósosfo cretense (do que se
di coñecía os rituais de chamáns asiáticos) quen ao parecer colaborou no
século VI a.C. con Solón na reforma do estado ateniense, as Erinias eran irmás
das Moiras coas que aparecen confundidas ou con frecuencia solapadas, así como
con outras deidades antigas e escuras pois fían o destino dos humanos.Tamén son confundidas coas Gorgonas, aínda que segundo
Esquilo non tiñan ás. Hai quen as describe con ás de morcego, negras e con
ollos inxectados en sangue.
Ningún comentario:
Publicar un comentario