luns, 28 de marzo de 2016

Delfos: antes e despois do santuario de Apolo

Existen multitude de santuarios na Antiga Grecia, pero poucos como Delfos, que foi especialmnete popular na Grecia Arcaica e Clásica, como veremos, pero que xa antes era un lugar de referencia relixiosa ao albergar a outro tipo de deuses.


ANTES DE SER SANTUARIO DE APOLO

 Pitia (en grego antigo:Πυθώ -οῦς (ἡ) era seguramente o nome deste espazo onde se adoraba a Gaia ou Xea,  a deusa Nai. Naquel lugar dise que era o centro do mundo, ou o embigo (ónfalos) posto que alí se cruzaran dúas aguias mandadas por Zeus desde os estremos do Terra e unha delas deixara caer a pedra que a súa nai Rea lle dera a Cronos en lugar do pequeno e que o propio Zeus lograra que seu pai vomitara xunto aos seus irmáns para poder facerse co poder do Cosmos.

O ónfalos de Delfos, a pedra que Cronos tragou e logo devolveu.

Din que para gardar este santuario Xea colocou nel a un dragón ou serpe xigante chamada Pitón. Un culto de carácter matriarcal que se mantivo e que segundo Esquilo conta pasarían logo a rexentar Temis, a titánide que enxendraría con Zeus as Horas e as Moiras. Máis tarde sería Febe, outra titánide, a quen se lle rendía culto. Deste culto asociado a deusas derivará a figura da Pitia, unha sacerdotisa muller.



O ORÁCULO DA PITIA


A Pitia, unha muller sacerdotisa parece ser unha figura máis antiga que os sacerdotes homes que se instalarán posteriormente co comenzo do culto a Apolo. Esta sacerdotisa realizaba un curioso ritual adivinatorio que consistía segundo parece en realizar anuncios premonitorios ou agoiros tras entrar en transo, a causa dunha emanación de vapores que procedían dunha fenda na terra situada no interior do templo.








A CHEGADA DE APOLO


Unha das historias máis coñecidas dos numerosos amores de Zeus é a da súa relación coa titánide Leto, filla de Febe, deusa adorada neste lugar. O nome de Delfos é o do animal que contan os mitos que trouxo ao deus dende a illa de Delos (unha das illas cícladas onde nacera) ata a praia máis próxima a este lugar da Grecia continental. Hai quen di que o golfiño era Apolo transformado nese animal para atraer a un barco con sacerdotes cretenses para o seu novo santuario. Segundo parece o santuario de Apolo comezouse a construír no VII a.C.


A mitoloxía tamén conta que Apolo e a súa irmá Artemisa para defender a súa nai Leto, ambos manexando o arco, mataron a Pitón. Por orde de Hera, a esposa ciumenta de Zeus, esta serpe xigante  atacaba a Leto e aos seus fillos xemelgos.

Apolo tiña distintos atributos, entre eles era o deus da adiviñación, asociado coa luz (mesmo con Helios o Sol).


O TERRITORIO SAGRADO DOS SEUS ORÁCULOS

Delfos, o santuario de Apolo era un lugar sagrado para toda Grecia e a el acudían dende todas as polis gregas da época arcaica e clásica. Fixéronse famosos os seus oráculos que a sacerdotisa Pitia emitía en transo para seren logo postos en verso e dun xeito intelixible polos sacerdotes de Apolo.

Os oráculos foron causa das moitas ofrendas que estas polis colocaron en forma de estatuas e construccións máis ou menos complexas arredor do propio santuario. Destas consultas feitas polos gobernantes fanse eco as mesmas traxedias gregas nas que con frecuencia aparecen as referencias ao oráculo de Delfos ( A Orestíada de Esquilo, Edipo Rei de Sófocles...)

A entrada do templo é moi sonado que aparecía unha máxima filosófica que nos dá unha idea da evolución do pensamento grego cara á esencia do ser humano daquela época. A inscrición dicía: γνῶθι σεαυτόν Coñécete a ti mesmo!

CUESTIÓNS:
1- Realiza unha pequena investigación sobre os amores de Zeus e a súa relación coa orixe realeza de distintas polis gregas.

2- Cres que era Delfos o único santuario importante da Grecia Antiga ou había outros dedicados a outros deuses? Razóa e argumenta a túa resposta.


3- Investiga cales foron as dificultades que tivo Leto para dar a luz aos seus fillos Apolo e Artemisa.

4- A confusión de Apolo con Helios a que cres que se debe?

5- En Delfos existe un teatro de Dionisos, dise que Apolo era o contrario daquel, pero que este permitía a súa presenza no seu santuario nos meses nos que el non estaba alí. fai unha pequena investigación sobre o nacemento e evolución do culto deste deus do viño e da danza. En que lugares se rende culto a Dionisos? Procura saber en cales hai algún santuario e por que?

6- Investiga  por que había un estadio perto do santuario de Apolo. Que eran e  durante canto tempo se realizaron os Xogos Pitios?

Ningún comentario:

Publicar un comentario