Nunca, ata o de agora, comezara o curso no día de San Miguel, o patrón dos mariñeiros de Marín. Unha antiga danza recuperada recentemente sitúase no centro das celebracións que este ano debido á pandemia non vai poder bailarse.
Un dos antigos portos fenicios localizados na costa galega. |
IN PERICULO MARIS... Seica un bispo de Braga ao rematar a Antigüidade, nos albores do que hoxe chamamos Idade Media, procurou agocho na illa de Tambo fuxindo dos seus perseguidores e certo día apareceulle o Arcanxel San Miguel quen lle ordena levantar unha igrexa na illa sendo o propio San Miguel o que conduciu aos obreiros do mosteiro á descuberta agraciada dun manancial de auga doce en Tambo. A capela construída tiña unha advocación curiosa: AD SANCTUM MICHAEL ARCHANGELUM IN PERICULO MARIS, que quere dicir: "A San Miguel Arcanxo no perigo do mar (nun lugar perigoso por estar rodeado de mar)". E disque foi referente de culto cristiá por centos de anos, pero andando os séculos a Illa foi asaltada e arrasada polo famoso pirata Drake en 1589. A pesar de todo aínda hoxe se conservan as ruínas da capela incendiada e a súa fonte.
Pois ben, sería daquela cando os mariñeiros marinenes devotos do Arcanxo decidiron trasladar á terra o culto a San Miguel e así, pouco tempo despois, hai constancia histórica da realización da Danza de espadas pola documentación conservada do século XVII. Logo viran tempos de gremios e desputas polo mar de Marín entre a Mitra compostelá que manexaba os fíos dende Pontevedra co seu Gremio de Mareantes e o Mosteiro de Oseira, que tiña un Priorato en terra, no casco histórico de Marín, que non quería perder dereitos sobre a pesca dunha ría moi rica e produtiva.
Illa de Tambo |
Postos a elucubrar sobre a presenza de San Miguel nestas terras, esta claro que na illa de Tambo atopámonos cun lugar sagrado anterior ao cristianismo. Hai quen di que a Illa naceu grazas a Apolo, un deus grego, que botou no medio do mar o concho dunha tartaruga, outros prefren ver na etimoloxía do nome polo que se coñece a illa o eco dun valeroso guerreiro troiano fillo de Telamón, chamado Teucro, que fundara Pontevedra. Pero se lle facemos caso ao erudito Padre Sarmiento, o nome de Tambo é deformación de Tombo ou túmulo (sabemos da existencia dun castro en Tambo) e un estudoso historiador, García de la Riega conta que a tradición fala dun altar pagán dedicado tal vez, iso aventura, a Tameóbrigo de onde procedería a denominación actual da illa. É un pouco cedo para afondar neste tipo de cousas, volvamos a San Miguel.
San Miguel seica aparecéuselle ás xentes de Europa en Apulia, tanto no Monte Gargano perto da costa italiana, como na propia Roma, e curiosamente en dous territorios máis situados nas costas da Fin do Mundo ou Fisterras da época: na Bretaña francesa e en Galicia, na Illa de Tambo. Todas, agás a de Roma, aparicións na costa e relacionadas con navegantes como sinala sabiamente José Torres no seu libriño Pequena Historia de Marín.Tamén é curioso que o deus grego das viaxes e o comercio, Hermes / Mercurio teña unha gran semellanza con San Miguel. Ambos teñen ás e usan a espada contra o mal e/ou unha balanza para pesar as almas dos homes antes da súa viaxe ao mundo dos mortos.
San Miguel coa balanza e mantendo aos pés ao demo |
San Miguel e o demo pesando as almas. |
Hermes pesando as almas |
Ningún comentario:
Publicar un comentario