Imos realizar unha visita ao Castro da Subidá de Marín para saber máis daqueles poboadores de Marín, aínda que daquela non debía chamarse así, que puideron coñecer ao mesmísimo Xulio César, iso si, antes de que este fose unha das persoas máis importantes da Roma do século I a. C.
A historia de Galicia comeza a escribirse cos romanos e grazas ás súas ansias de control de territorios ricos en ouro, prata e tamén en estaño. De feito foron eles os que nos puxeron e impuxeron o nome de Gallaecia.
Logo a primeira pregunta é: Quen eran os Galaicos?
Os Romanos bótanlle o ollo á riqueza de Gallaecia
Os Romanos teñen os primeiros enfrontamentos armados cos galaicos a causa dos Lusitanos, os veciños do sur do Douro dos Galaicos, aos que estes axudan na súa loita contra Roma. Unha operación de castigo contra lusos e galaicos van emprender os romanos baixo as ordes de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.C. que parte do Texo cara o Norte vencendo nunha batalla no Douro a un exército de 60.000 galaicos dos que mata a unha gran cantidade, fai varios milleiros de prisioneiros de guerra e foxen uns poucos miles. Bruto debeu ser o primeiro romano en cruzar o río Limia ao que os seus soldados lle tiñán un medo terrible ao pensar que era o río do esquecemento (entrada ao mundo dos mortos). Por esta vitoria protagonizou logo unha entrada triunfal en Roma e a nominación co alcume honorífico de "Galaicus". Posiblemente daquela se funda un asentamento en Valentia do Miño.
Pouco máis tarde nos anos 96-94 a.C. Publio Craso estando de pretor na Hispania Ulterior realiza unha expedición pacífica na procura das famosas Illas Cassitérides ou Illas do Estaño na que comproba o que lles interesaba aos romanos, a riqueza mineral, ademais de comprobar o carácter pacífico dos habuitantes destas terras afeitos ao comercio cos pobos mediterráneos fenicios e gregos.
A expedición de Xulio César
César no ano 61 a.C. precisaba diñeiro para financiar a súa futura carreira política en Roma, polo que se embarcou cara á Península que eles denominaban Hispania, desembarcando nun dos portos do Sur, da Hispania Ulterior o porto de Gades (Cádiz). Alí prepara unha expedición militar de ocupación que será a segunda das grandes ofensivas que os Romanos realicen contra a Gallaecia atraídos pola riqueza mineral do territorio. Para realizar esta expedición César mobilizou unha armada. As fontes clásicas sinalan que penetrou na Gallaecia, que conseguiu un gran botín de guerra tomando varios castros costeiros, axudado pola frota de guerra enviada polo seu amigo Luvio Cornelio Balbo, nunca antes vista e que vai ir bordeando a costa ata chegar ao porto dos Ártabros, onde hoxe está a Torre de Hércules. César dirixe o exército de terra que avanzaba á par que os barcos, pero polo litoral. Foi unha expedición exitosa que durou un ano. César logra unha fama en Roma e unha riqueza considerable ingresando tamén parte para o tesouro público da capital. A lenda dunha "dives Gallaecia" (rica en ouro) confirmábase así entre os romanos. Para nós as xoias castrexas que se conservan nos museos son hoxe en día tamén unha clara testemuña da explotación aurífera que xa realizaban os castrexos antes da chegada dos romanos a estas terras.
Daquela expedición romana non se conservan documentos escritos concretos, pero si varias referencias que nos fan pensar que o paso pola actual Ría de Marín foi unha certeza e que os habitantes de Citanias como a da Subidá, habitadas daquela, ben puideron coñecer ao mesmo Xulio Cesar en persoa.
O Castro da Subidá: Debería ter un aspecto semellante a este:
O Castro da
Subidá, tamén coñecido como Castro da Porteliña, localízase nunha ladeira da montaña
de magnífica visibilidade sobre a Ría de Marín. Ten máis de 3 Ha de superficie e un dobre recinto amurallado. O poboado escavado sitúase nunha das ladeiras do coñecido como Monte da
Portela. As fortes pendentes da ladeira propiciaron que os moradores crearan
terrazas dentro do recinto amurallado. O período de ocupación deste castro esténdese
bastante no tempo. Suponse unha habitabilidade que iría dende o século IX a. C. ata o século II d. C. O castro ocupa unha extensión de case 30.000m2 e actualmente
só está escavado aproximadamente un 1% , deixando ao descuberto algunhas vivendas circulares construídas entre
os séculos I a.C e I d.C. Tamén ten unha pequena acrópole de planta ovalada con dous promontorios rochosos situados nos extremos norte e sur desta coroa, dous promontorios rochosos que ben poderían ser a base para dúas torres
defensivas.
A palabra Subidá
posiblemente veña da palabra latina “civitatem”, relativa a “cidade”, topónimo
empregado en moitos outros xacementos deste tipo, polo que poderíamos velo
escrito como “Suvidá” o “Sividá”. O seseo é unha constante na toponimia da zona Cidrás (do latín "Citrales" documentado en Toponimia de Marín do paúl Elixio Rivas Quintas) dise popularmente Sidrás.
Atópanse na zona
varios petróglifos da Idade do Bronce, nos anos oitenta nunhas pequenas catas arqueolóxicas atopáronse restos de interese que hoxe se custodian no Museo de Pontevedra. Outro dos factores de interese deste castro romanizado dende o I d. C. é o feito de atoparse nel dous cuncheiros (restos de cunchas e mariscos) un na ladeira oeste e outro na leste. É fácil tamén de observar outros debuxos moito máis recentes nas pedras que
son atribuídas ao artista local Pepe Meixón, que deixou constancia da súa obra
na pedra por toda a comarca de Marín no século XX.
Ningún comentario:
Publicar un comentario