domingo, 15 de novembro de 2015

A TITANOMAQUÍA

A INFANCIA DE ZEUS

Sabías que: O nome de Zeus é indoeuropeo e deriva da palabra deiwos, que significa “ceo brillante”, o mesmo nome aparece no Diespiter (Iúpiter) romano, no deus indio do ceo Dyaus Pita, e no termo xermánico Tuesday (dia de Thor). A mesma raíz aparece no grego eudia (bo tempo) e no latín, deus, dios e dies (día). 


Zeus aparece como o pai ceo, baixo a imaxe do luminoso ceo diurno. A esta engádense imaxes de tormenta: a do que reúne as nubes, a do  que amaba os raios e os tronos. Todas  as súas epifanías ou aparicións son espectaculares: brilla como o sol, lanza raios, fai resplandecer os seus relampos e amorea as nubes negras ruchando o sobrecello. A aguia voa nas alturas manifestando a súa presenza. Esa aguia que cando vivía na cova leváballe a diario, por encargo de Rea, a ambrosía para facelo un deus inmortal. 

Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta entre outras cousas falan da ubicación da cova onde naceu no monte Ida. Alí medra e será coidado por Melita e Amaltea (que o alimentan con mel e leite) e os Curetes ou Coribantes que cando chora se encargan de que seu pai Cronos non o escoite berrar. 

Procura información sobre:

1-  Que significa o nome de Zeus? 

2-Quen o coidaba na cova onde naceu? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía, o alimento que lle daba o vigor propio dun inmortal?

3- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?

4- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar unha beberaxe que lle tiña que dar a Cronos, para que?

5- Quen eran os Curetes ou Coribantes? Cal era o motivo polo que acompañaron a Zeus infante.

Sigamos logo coa narración de Hesíodo:

A VINGANZA DE ZEUS
Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa proleenganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e  pola habilidade do seu filloPrimeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxesaos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.



TITANOMAQUIA
(Os deuses olímpicos contra os Titáns)



Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros en violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; os Titáns dende a cima do Otris, e dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea, de fermosos cabelos, deitada con Cronos... levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda, nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso... 


Mais a Briareo, a Coto e a Xiges, o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, conducíronnos de novo á luz seguindo as indicacións de Xea. Esta explicoulles que coa súa axuda conseguirían a vitoria e... Zeus ofreceu a todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, e creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía. 

-“Escoitádeme! - díxolle Zeus aos ilustres fillos de Xea e Urano- Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero agora mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.”... 

Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros...Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo...A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro...





Xa non contiña Zeus a súa furia lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en lapas... Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos...Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns. 

(texto adaptado dos textos orixinais da Teogonía de Hesíodo)

Outro escritor latino, Ovidio, tras narrar a Titanomaquia, conta o seguinte de Saturno (Cronos):

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...


Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).



CUESTIÓNS:
1- Onde e por quen foron desterrados Brontes, Estéropes e Arxes?
2- Quen son “o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea”?
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Briareo, Coto e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un grande estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?  Cara a onde foron enviados Cronos e os Titáns derrotados?  
6- Quen son logo os deuses Olímpicos? Por que reciben ese nome?
7- Por que Zeus vai ser recoñecido como pai dos deuses (olímpicos) se el non é realmente o seu pai?
8- Quen era Saturno? En que idioma está este nome? Como se chamará Zeus neste idioma?

Podemos ver unha curiosa narración sobre Zeus e a recreación da Titanomaquia no seguinte vídeo baseado nos textos de Hesíodo: A BATALLA DOS DEUSES

9- Despois de visualizalo o vídeo  a Batalla dos Deuses redacta un texto no que relates a parte que aquí non explicamos. Se tes algunha pregunta envía as túas dúbidas sobre o vídeo no próximo diario.  


















3 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. μωρό ο άντρας σου σε αγαπά, αλλά είσαι άπιστος γιατί είσαι ένας διάβολος μέσα σε μια γυναίκα και καθώς ο ήλιος ανατέλλει θέλετε να πίνετε και είναι λάτρης

    ResponderEliminar